Veciñanza

O Centro Cívico da Devesa, reaberto en Salceda

Novo equipamento cultural do que se beneficiarán 50 asociacións locais

Xornada inaugural da Devesa, en Salceda.   | // D.P.

Xornada inaugural da Devesa, en Salceda. | // D.P. / V.P.

V.P.

O edificio A Devesa, datado de 1962, xa reabriu o Centro Cívico do Concello de Salceda de Caselas, co impulso e os recursos da Deputación de Pontevedra.

As obras supuxeron un investimento de 674.000 euros da institución provincial, a través dos programas ReacPon (539.000 euros) e Plan Concellos (135.000 euros para sufragar o financiamento municipal).

A presidenta provincial Carmela Silva e a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, inauguraron o novo equipamento cultural do que se beneficiarán as arredor de 50 asociacións culturais, deportivas e sociais que existen no municipio. Agora “pasamos a ter un inmoble polivalente para a cultura e a cohesión social do século XXI” sinalou a alcaldesa de Salceda.

A reforma integral do edificio da Devesa, do que unicamente se mantiveron os muros maila estrutura, foi unha intervención ambiciosa que converte o inmoble nun equipamento cultural moderno e un verdadeiro polo de atracción de dinámicas culturais e sociais.

O edificio cumpre a normativa de accesibilidade, salubridade, sostibilidade e eficiencia enerxética para satisfacer as necesidades sociais do concello e para contribuír a incrementar a cohesión social.

A adecuación do centro ás necesidades dos colectivos veciñais supuxo realizar obras no interior como unha nova distribución dos andares e da comunicación entre eles, con itinerarios accesibles en todas as dependencias e un ascensor, e renovación das instalacións térmicas. A distribución queda do seguinte xeito: no andar baixo, un hall, un almacén, unha sala de xuntas, unha cafetaría, aseos, un auditorio e unha zona de exposición exterior; e, no primeiro andar, unha sala de xuntas, salas para o uso das asociacións e aseos. No exterior, cambiouse a cuberta, reformáronse os canalóns e as baixantes, cambiouse a envolvente térmica, adecuouse o edificio para evitar o paso do radon (cunha barreira de protección e unha soleira ventilada que evita que o gas ascenda), a instalación dun sistema de paneis fotovoltaicos e expositores luminosos na fachada principal.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, especificou que o Centro Cívico da Devesa é “un novo lugar de encontro da veciñanza de Salceda, especialmente da súa xente maior, que se reunirá tanto neste edificio como na praza da Devesa”.