Dende moito tempo atrás, estamos a usar para todo a linguaxe escrita nas clases, e fomos esquecendo a narración oral. Pedir traballos ao alumnado en formato podcast, axuda igualmente coa linguaxe escrita ao ter que escribir un guión e, sobre todo, potencia a narración oral, hai que contar e saber como contalo. Baixo esta premisa, estanse a celebrar nos colexios do Porriño uns obradoiros de podcast.
Preto de 200 escolares de cuarto curso de Educación Primaria están a participar desta iniciativa organizada pola Concellería de Educación do Concello do Porriño a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). Xa se celebraron sesións a pasada semana e continuarán no mes de abril, á volta das vacacións de Semana Santa, con cinco xornadas máis.
Trátase de obradoiros totalmente prácticos e participativos impartidos polo actor de dobraxe e locutor Damián Alonso, que se están a desenvolver nos diferentes centros de ensino do Porriño en horario lectivo.
“Os podcast convertéronse nun recurso educativo de moito valor, xa que melloran a comprensión e a expresión oral, ademais de axudar a desenvolver habilidades da linguaxe e a comunicación”, apuntou a concelleira, Carolina González. “Entre outras axudas educativas, a creación dun podcast estimula a imaxinación contando sen imaxes, reforza a aprendizaxe, potencia a comunicación, axuda na aprendizaxe colaborativa e aumenta a motivación”.
Nesta actividade as mozas e mozos traballan todo o proceso de creación dun podcast, dende a súa creación ata como se locuta, se grava e se publica. “A nosa mocidade ten ganas de seguir aprendendo e por iso debemos adaptar as nosas propostas e modernizalas para que se adapten ás súas necesidades”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, que se achegou a un dos centros onde se está a desenvolver esta iniciativa.