Mos convértese nun escaparate formativo

Asistentes á primeira edición da mostra FormaMOS o pasado ano.   | // D. P.

Asistentes á primeira edición da mostra FormaMOS o pasado ano. | // D. P. / l. costas

Educación, desafío, innovación, cultura, resiliencia, aprendizaxe e cultura. Estes son os conceptos que definen a Mostra de Educación e Formación do Concello de Mos que chega este ano a súa segunda edición con case o dobre de expositores, máis de 70 dos sectores da educación e formación, e máis de 1.700 persoas que xa confirmaron a súa asistencia a este evento que se celebrará a vindeira semana, os días 30 e 31 de marzo, no pavillón Óscar Pereiro en horario ininterrompido, dende as 09.30 e ata 19.00 horas.

Tratase dunha oportunidade para conectar e coñecer de primeira man as posibilidades educativas máis actuais. Preténdese artellar un escaparate formativo que permita asistir a demostracións en vivo, encontros con profesionais ou recabar información especializada do sector.

Nesta nova edición dende o Concello de Mos queren que “os visitantes atopen unha ampla variedade de opcións formativas para unha satisfactoria experiencia educativa”.

Unha das novidades desta segunda edición é a presenza e participación de Pedro García Aguado, medallista olímpico coa Selección Española de Waterpolo e que se fixo popular polo seu programa televisivo “Hermano Mayor”. Así o anunciaron no acto de presentación de FormaMOS no que estiveron a alcaldesa Nidia Arévalo; a concelleira de Educación, Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro; Xurxo Collazo Saavedra, director do IES de Mos; Rodrigo Salgado Pombo, director de Colegio Lar, e representantes do equipo directivo e docente do Obradoiro Municipal de Emprego, encargado do Marketing da Mostra e do deseño e elaboración dos stands de madeira da mesma.

Toda a información sobre a II Mostra de Educación e Formación do Concello de Mos pode consultarse na páxina web formamos.mos.es.