O Castelo de Soutomaior acolle esta fin de semana o Certame da Camelia. Trátase dunhas das xornadas máis esperadas do ano para as persoas afeccionadas á xardinería e a floricultura de toda Galicia, unha cita que cada ano conta coa visita de máis dun milleiro de asistentes e que, á vez, constitúe unha oportunidade para desfrutar dos xardíns de Excelencia Internacional do Castelo de Soutomaior, os primeiros de España e os sétimos de Europa en recibir esta distinción.

Logo do parón da pandemia e da pasada edición marcada aínda polas restricións COVID, o Concello organiza neste 2023 a vixésimo primeira edición do Certame da Camelia con máis esplendor que nunca. Esta tarde, de 16.30 a 20.00 horas, e mañá domingo, dende as 11.00 horas, calquera que se achegue poderá contemplar a gran colección de exemplares desta prezada flor nos máis de 40 expositores instalados nas inmediacións do Castelo, que se converte no escenario perfecto para un festival de referencia na Comunidade, e tamén nos escaparates do comercio local.

A mostra pecharase mañá ás 18.30 horas coa entrega dunha vintena de premios ás mellores composicións florais. Nesta edición haberá galardóns para as mellores propostas nas categorías de flor, composición artística, traballo escolar, flor en escaparate e composición artística en escaparate. Ademais, tamén se entregará o Premio Especial Lalita Gradín, un recoñecemento nomeado na honra á creadora orixinal do certame. O xurado está formado por membros da Asociación Española de La Camelia.

“A flor da camelia é un dos grandes emblemas das Rías Baixas”, indicou o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, durante a presentación do certame aproveitando “para convidar a tódalas persoas a visitar a mostra e percorrer os excepcionais xardíns do Castelo de Soutomaior”.