Soutomaior esperta a vocación científica entre a súa mocidade

educación

y O Concello presenta Divulgaciencia y Obradoiros, rutas, coloquios e Feira das Ciencias de febreiro a maio

Celebración da I Feira das Ciencias en 2022.   | // D. P.

Celebración da I Feira das Ciencias en 2022. | // D. P. / l. c.

l. c.

Un proxecto educativo destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade do municipio é o obxectivo co que o Concello de Soutomaior organiza e presenta a segunda edición do programa Divulgaciencia.

A iniciativa inclúe diversas actividades como obradoiros de tecnoloxía, xornadas de xogos científicos, visitas guiadas para experimentar na natureza, entre outras moitas, e como broche de ouro a celebración da segunda Feira de Ciencias de Soutomaior

O programa arrancou este mes de febreiro coa presentación do mesmo por parte do alcalde Agustín Reguera e a edil de Educación, Fátima Vidal, e rematará en maio coa Feira da Ciencia en Talo Río, onde alumnado dos centros de Soutomaior e de fóra, exporán todo tipo de proxectos científicos.

O rexedor local indicou que “o obxectivo principal da iniciativa é fomentar a vocación pola experimentación e a curiosidade científica entre a xuventude do municipio e promover a participación equitativa e plena da muller nos ámbitos tecnolóxicos”.

Baixo o título “Sen ciencia non hai futuro. Vocacións científicas e novas profesións”, os estudantes asistentes á xornada inaugural puideron presenciar unha demostración dos últimos avances tecnolóxicos que lles permitiu facerse unha idea de como funcionará a sociedade do futuro, ademais de introducirse no mundo da programación.

O programa conta con diferentes actividades organizadas no Multiusos de Arcade e nos propios centros educativos. Desta maneira, os mozos participarán en diversos talleres nos que practicarán cos softwares máis modernos en intelixencia artificial como ChatGPT3 ou DALL-E2, aprenderán a importancia social e profesional da tecnoloxía moderna con ferramentas de Big Data e participarán en saídas nas que poderán experimentar a ciencia detrás da natureza e utilizala para analizar a incidencia do ser humano no medio ambiente.

O punto e final do programa será o 4 de maio, día no que terá lugar a segunda Feira de Ciencias de Soutomaior. Nela exporanse os proxectos realizados polo alumnado participante, ofreceranse visitas guiadas ao público en xeral e celebrarase unha pequena festa animada por un espectáculo científico moi divertido no que se analizan as claves da evolución humana facendo ao público reflexionar sobre temas de actualidade.