Lingua

Redondela promove o galego dende a infancia

O Concello presenta nos colexios o proxecto ”A cápsula do tempo”

l. c.

Redondela lanza un proxecto “A Cápsula do tempo” na defensa e promoción do galego entre a poboación máis nova. A Concellería de Normalización Lingüística presentou nos colexios esta iniciativa pioneira que non se atopa en ningún outro municipio da contorna e que ten a intención de impulsar o uso do galego na infancia. “É unha idea orixinal da Concellería de Normalización Lingüística dirixida ás escolas de Educación Infantil que pretende inculcar o uso da lingua galega entre os cativos e cativas de 3 anos en adiante, para que crezan con ela e evitar a súa desaparición”, explicou a alcaldesa Digna Rivas.

“A Cápsula do tempo” está composta por unha caixa de agasallo na que se poden atopar libros que fomentan o uso do galego, unha bolsiña da merenda, lapis de cores e unha fiambreira. “Todos eles son obxectos útiles, que poidan usar na súa vida cotiá os veciños e veciñas de Redondela”, explica Rivas.

Dentro dos libros escollidos atópanse os contos de Kalandraka, cos cales aprenderlles palabras en galego; un libro didáctico dirixido aos pais e nais no cal a través de sete anécdotas se tratan cuestións sobre a situación social da lingua galega e os beneficios da educación bilingüe; e a obra estrela que sería “A Cápsula do tempo” que segundo a alcaldesa, “acompañará aos vosos fillos e fillas en cada curso. Estes completarán o exercicio que se lle pide nel e quedará gardado na escola para converterse nunha auténtica cápsula do tempo. Cando rematen o período escolar, en 6º de Primaria, no acto de despedida entregaráselles a cada un o seu libro que será un recordo vivo do paso pola escola e tamén da súa relación coa lingua galega”.

Rivas engade que “esta iniciativa ten a intención de contrarrestar a perda de galego falantes, unha realidade constatada dende hai anos. Non quere dicir que vaia a desaparecer pero si que se reducirá en espazos e na vida social. Cando sexan as enquisas lingüísticas, dádelle unha oportunidade ao galego e marcádeo para solicitar que sexa a lingua vehicular nas aulas. Coa vosa axuda, poderemos dicir a toda Galicia que Redondela aposta en firme polo galego”.