Literatura

Récord de préstamos na biblioteca do Porriño

Con máis de 27.700 préstamos está a altura das cifras das grandes cidades galegas

O alcade porriñés co club de lectura do municipio.   | // D.P.

O alcade porriñés co club de lectura do municipio. | // D.P. / D.P.

D.P.

A Biblioteca Municipal de Porriño, dependente da Concellería de Cultura , rexistrou en 2022 o seu récord histórico de préstamos e un alto índice de participación nos seus servizos e actividades. Así o sinalan os datos contabilizados o pasado ano que, con 27.747 préstamos, rexistrouse un incremento dun 21%, situando á Biblioteca do Porriño á cabeza do ranking galego xunto ás grandes cidades.

O número de préstamos é o maior indicador de éxito pero tamén destaca o incremento de usuarios. Na actualidade son 8.344 as persoas usuarias, dos cales 494 se deron de alta no 2022.

“O segredo do éxito da nosa Biblioteca é manter a colección totalmente actualizada e facer a inversión necesaria para que as/os usuarias/os dispoñan das últimas novidades tanto en lingua galega como en castelán. Contamos cun fondo de 39.940 documentos á disposición das/os usuarias/os”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Ademais a biblioteca non se limita ofrecer o servizo de préstamo, tamén sirve de plataforma de iniciativas culturais atractivas e de numerosas actividades de promoción da lectura”.

Neste sentido destacan iniciativas como o Club de Lectura, concebido como un espazo para ler e falar dos libros, ou as exitosas Xornadas para familias e profesionais “Acompañando na aventura de crecer”, que este ano se retomarán incluíndo, ademais das conferencias, talleres para nais e pais, ou a Feira do Libro.

Este ano sumaranse as Xornadas de creación literaria “Da inspiración ao libro”, organizadas en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño e o Club de Lectura. A galega Ledicia Costas, será a encargada de presentalas e contarán con nomes como Marcos Calveiro, Diego Giráldez, Raquel Castro ou Carlos Meixide.