Cultura

O Rosal proxecta o preludio da laureada “As Bestas”

O documental poderá verse hoxe, ás 18.30 horas, no centro social de Tabagón

Pobo de Santoalla, en Petín.   | // BRAIS LORENZO

Pobo de Santoalla, en Petín. | // BRAIS LORENZO / l. c.

l. c.

Organizado pola Comunidade de Montes de Tabagón, chega hoxe ao Centro Social de Tabagón o documental ‘Santoalla’. A peza narra os feitos que inspiraron a película ‘As Bestas’ recentemente gañadora de nove premios Goya. A proxección será esta mesma tarde, ás 18.30 horas, e enmárcase na programación cultural dos meses de febreiro e marzo do Concello do Rosal.

A axenda continúa mañá domingo no auditorio municipal, onde se celebrará a partir das 19.00 horas a Gala do Día de Rosalía, que contará coa actuación de Lara Villaverde

Marzo arrancará con máis cinema. Organizado polo CC Montes do Rosal, o vindeiro venres, día 3, presentarase no auditorio municipal o documental ‘A auga que trouxeron’, de Trespés Producións. Haberá unha proxección para o alumnado do CPI Suárez Marquier ás 12.00 horas e outra para o público xeral ás 20.00 horas. Con entrada libre ata completar aforo.

O sábado 4, a Comisión de Festas organiza en Pías o Torneo da Cachiza ás 16.00 horas e os días 11 e 12 a Feira de San Gregorio.

O sábado 18 o auditorio municipal acollerá a partir das 20.30 horas o concerto ‘Noé, Noemi e Noemilia. Sete animais e a súa familia’, con Belén Otxotorena e a Banda da Agrupación Musical do Rosal.

O mes de marzo rematará coa Festa de San Xosé de Novás o domingo 19 organizada pola comisión de festas e coa audición do alumnado da escola de música da Agrupación Musical do Rosal no auditorio municipal o sábado 25 ás 19.30 horas.

Cafés en Igualdade

Os Cafés en Igualdade chegarán, como cada último xoves de mes, o 30 de marzo. Nesta ocasión será a quenda de falar de empoderamento feminino e o rol das mulleres como coidadoras, como obriga ou satisfacción.

Celebrada na Cafetería Liga de Amigos, na Praza do Calvario, a charla será impartida por Sara Uris, mestra e especialista en xénero e igualdade e creadora de Transformando Realidades. O encontro terá lugar, ao igual que os anteriores, entre ás 17.30 e as 18.30 horas.