Entroido 2023

Enterro da Lamprea para pechar o Entroido 2023

O desfile sairá hoxe ás 17.00 h da rúa Rosalía de Castro e rematará coa queima da lamprea

A lamprea queimarase hoxe na Praza do Concello.

A lamprea queimarase hoxe na Praza do Concello. / D. P.

V. P.

As rúas de Salvaterra de Miño acollerán hoxe á tarde o popular Enterro da Lamprea, a partir das 17.00 horas. Será un dos últimos festexos de entroido da comarca do Condado, no que moitas das comparsas que desfilaron noutras celebracións e municipios nos últimos días volven vestir os seus disfraces para acompañar a defunta lamprea coas súas coreografías e bailes.

Na categoría de carroza participan as carrozas que teñen un mínimo 25 participantes e unhas dimensións mínimas de 5 metros de longo. Na categoría de comparsa participan as agrupacións que teñen un mínimo de 20 membros.

As comparsas ou carrozas deben gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario coma na súa actuación. Os premios a participación oscilarán entre os 100 e os 600 euros, dependendo da categoría e da cantidade de participantes.

A lectura do testamento será na Praza do Concello ao rematar o desfile polas rúas da vila

Todas aquelas persoas que queiran participar no enterro da lamprea de forma persoal, e non a través dunha carroza ou comparsa poden facelo dentro da propia comitiva da defunta lamprea, formando parte do grupo de choronas que acompañan a lamprea, de loito riguroso.

A saída do desfile, de comparsas e carrozas do enterro da Lamprea do Entroido 2023 de Salvaterra, está prevista para as cinco da tarde, dende a rúa Rosalía de Castro, discurrindo por Castelao, Rúa Galicia, dona Urraca e Praza do Concello.

Ao finalizar o percorrido terá lugar a lectura do testamento da defunta lamprea, no que haberá lembranzas satíricas para as autoridades e personaxes públicos.

Música e ambiente de festa para despedir unha das festas máis colorida e divertida do calendario galego.

O parque público da Canuda e as pistas deportivas serán un bo complemento para gozar deste sábado na localidade de Salvaterra de Miño.