Cultura

Mos celebra o Entroido con festas e desfile de comparsas

Repartirá 8.000 euros en premios y A inscrición está aberta ata o día 15

A alcaldesa de Mos Nidia Arévalo e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, co cartel da programación do Entroido.   | // D. P.

A alcaldesa de Mos Nidia Arévalo e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, co cartel da programación do Entroido. | // D. P. / l. c.

l. c.

Xa se respira na localidade mosense a ledicia da celebración máis divertida do ano. A alcaldesa , Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Participación Cidadá, Sara Cebreiro, presentaron a programación do entroido de Mos para este ano 2023.

Os actos comezarán o vindeiro venres, cunha festa nos exteriores do Pazo de Mos, continuará co desfile da tarde do domingo 19 en Sanguiñeda e rematará o luns 20 cunha festa infantil no multiusos das Pozas

As actuacións musicais de Los Lunes al Sol, Ging Toni´s e DJ Omy Cid amenizarán a festa de entroido na noite do día 17, a partir das 23.00 horas. E a festa infantil será ás 17.00 horas e contará coa Orquestra Ce Pantasma e Barafunda Animación.

Desfile de comparsas

O tradicional desfile de comparsas será o domingo 19 de febreiro pola Avenida de Sanguiñeda. Dará comezo ás 17.00 horas e o broche final porano as Girl’s Gang que ofrecerán un concerto.

As comparsas interesadas en participar no desfile teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro mércores día 15. A listaxe das admitidas será publicado o xoves 16 na web do Concello.

O desfile divídese en dúas seccións: grupos e comparsas, con dúas categorías dentro das comparsas: infantís, ata 12 anos, e adultos, de 13 anos en adiante.

O xurado do concurso de comparsas estará formado por dúas persoas do mundo do teatro e o espectáculo; unha persoa do mundo do deseño, a confección e a moda; outra do mundo do baile; unha do mundo da perruquería e maquillaxe e estará presidido pola concelleira de Cultura.

Por unha parte haberá premio á participación, que será de 200 euros aos grupos, de entre 15 e 25 compoñentes; de 300 euros ás comparsas de 26 a 40 integrantes e de 400 euros para aquelas de máis de 41 persoas, na categoría infantil; e na categoría adulto, 400 euros para as de entre 26 e 40 compoñentes e de 500 euros para as de más de 41 integrantes. O orzamento máximo para estes efectos é de 5.900 euros.

Por outra banda, repartiranse ademais 2.100 euros en premios ao mellor grupo (200 euros), mellor comparsa infantil (500 euros) e mellor comparsa de adultos (500 euros) e mencións especiais á mellor carroza, mellor vestiario e animación, galardoadas con 300 euros cada unha delas.