Entroido

Desfile de comparsas e Enterro do Bacallau en Tui

Será o martes 21 e o domingo 26 y Outorgaranse 5.600 euros en premios

Último desfile de comparsas do Concello de Tui, previo á pandemia da COVID.   | // FDV

Último desfile de comparsas do Concello de Tui, previo á pandemia da COVID. | // FDV / L. C.

L. C.

Tui prepárase para celebrar as festas de entroido con dúas citas destacadas marcadas no calendario deste mes de febreiro. Serán o martes 21, festividade local, data na que se celebrará o concurso desfile de grupos e comparsas, e o domingo 26 co enterro do bacallau.

Co prazo de inscrición xa pechado, os grupos participantes na que é a trixésimo cuarta edición do certame de entroido, estarán integrados por entre 10 e 20 persoas e as comparsas máis de 25. A participación limitouse ás 20 comparsas e 5 grupos.

O desfile terá lugar o martes, 21 de febreiro, a partir das 17.30 horas. A comitiva discorrerá polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda, non podendo os participantes realizar paradas durante o percorrido.

Integrado por doce persoas, o xurado valorará o número de participantes por cada comparsa ou grupo; a actualidade da temática elixida; a interpretación e parodia de cuestións sociais, culturais ou políticas de Tui; a calidade, orixinalidade e dificultade de elaboración do vestiario; a interpretación, a sátira e crítica realizada; o acompañamento musical con música interpretada en directo no desfile; a calidade, orixinalidade e dificultade da carroza, e no caso das comparsas de fantasía o seu vestiario e coreografía. A puntuación en cada categoría será de 0 a 6, excepto en acompañamento musical e realidade tudense que será de 0 a 3 puntos.

Outorgaranse un total de 18 premios valorados en 5.600 euros e os correspondentes trofeos en catro categorías: xeral, carroza, acompañamento musical e fantasía. Así na categoría xeral os premios oscilarán entre os 700 euros do primeiro e os 100 euros do sétimo, en carroza irán entre os 400 euros do primeiro e os 100 do sexto, mentres que en acompañamento musical haberá catro premios de 300, 250, 200 e 150 euros e en fantasía será un único premio de 250 euros.

Ademais dos premios concedidos polo xurado, establécense outros fixos por participación, que serán de 500 euros para as comparsas con carroza e de 250 euros para as que desfilen sen carroza, mentres que para grupos será de 200 euros para os que vaian acompañados de carroza e de 100 euros para os que vaian sen ela.

Rigoroso loito

O entroido despedirase o domingo, 26 de febreiro coa celebración do enterro do bacallau. Será ás 19.30 horas e nel deberán participar cando menos a metade dos integrantes dos grupos e comparsas que participen no desfile do martes, así como calquera outra persoa que o desexe vestida de rigoroso loito.

A comitiva sairá ás 19.30 horas dende a praza de San Fernando, realizando un percorrido polo centro urbano, cun alto no Cantón de Diomedes para ler as coplas, e continuar até o aparcamento municipal, na parte traseira do edificio Francisco Sánchez, onde se procederá a queima do bacallau.