Turismo

Tui rexistra 30.000 visitantes e 93.000 peregrinos en 2022

Case a metade das persoas que realizaron o Camiño Portugués partiron da Eurocidade Tui-Valença

Dúas persoas informándose na Oficina Municipal de Turismo.   | // D. P.

Dúas persoas informándose na Oficina Municipal de Turismo. | // D. P. / l. c.

l. c.

A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui deu a coñecer os datos rexistrados ao longo de todo o ano 2022. Así, desas cifras despréndese que atendeu, de xeito presencial a 39.998 visitantes, dos que 29.613 eran turistas e 10.385 peregrinos. Entre os 12 meses, destacou o de agosto como o de maior afluencia de todo o ano, con 8.885 visitantes atendidos.

Do desglose dos datos desta Oficina de Turismo, que vén de recibir a comunicación oficial de concesión do distintivo de “Compromiso de calidade turística”, un recoñecemento que forma parte do Sistema de Calidad Turística Española e que significa a adhesión deste servizo turístico municipal ao SICTED (Sistema integral de Calidad Turistica Española en Destino) pódese comprobar como dos 29.613 turistas atendidos, 27.250 eran de procedencia española e 2.363 estranxeiros. Os turistas españois chegaron principalmente de Madrid, Barcelona, Sevilla e a propia provincia de Pontevedra. Pola súa banda, os estranxeiros procedían de Portugal, Italia, Alemaña, Francia e Reino Unido.

Estes datos, indica o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, “testemuñan o dinamismo do sector turístico na nosa cidade en crecemento constante cada ano, dinamizando o tecido económico tudense, que ten no turismo o seu principal factor de desenvolvemento endóxeno”.

Ruta Xacobea

No que atinxe aos peregrinos destaca que dos 10.385 peregrinos atendidos na Oficina Municipal de Turismo de Tui un total de 3.450 eran de procedencia estranxeira e 6.935 de orixe español. No caso dos peregrinos estranxeiros son Portugal, Alemaña, Italia e Estados Unidos os que aportan más peregrinos que chegan ata de 59 nacionalidades distintas. No que toca aos peregrinos españois proceden especialmente da propia provincia de Pontevedra e logo de Madrid, Barcelona, Sevilla ou Valencia. É a destacar que foron atendidos nesta oficina peregrinos de todas as provincias de España.

Por outra banda, segundo os datos proporcionados pola Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago, 93.184 persoas recibiron a “Compostela” logo de realizar o Camiño Portugués. Trátase do maior número rexistrado até o de agora nas estatísticas, e que representa un 21% dos peregrinos que chegaron a Compostela no ano santo 2022 (438.323 peregrinos). Estes datos consolidan á ruta portuguesa que entra en Galicia a través de Tui como a segunda en número de peregrinos e peregrinas.

Tendo en conta estes datos oficiais e o feito de que se estima que entre un 20 ou 25% das persoas que realizan o Camiño non recollen a Compostela, pódese estimar que o número de peregrinos que pasaron pola nosa cidade achégase a un número próximo ás 120.000 persoas.

Tui, como porta histórica dos Camiño Portugueses en Galicia, foi escollida por un total de 33.719 persoas para iniciar a súa peregrinación ao sepulcro do apóstolo Santiago, o que supón un 38,18% do total. Deste xeito, Tui consolídase como unha das catro localidades de inicio de todas as rutas xacobeas. Se sumamos os peregrinos que iniciaron o seu camiño en Valença, 11.950 (12,8%), temos que na Eurocidade Tui-Valença comezaron a súa peregrinación o 47,48% dos peregrinos do Camiño Portugués.