Medio ambiente

Tomiño enche o seu monte de vida autóctona

Plantaranse 1.800 cerdeiras, nogueiras, érbedos, castiñeiros, carballos, sobreiras, aciñeiras e bidueiros

O Concello pon en marcha a segunda edición desta campaña.   | // FDV

O Concello pon en marcha a segunda edición desta campaña. | // FDV / l. c.

l. c.

O Concello de Tomiño pon en marcha por segundo ano consecutivo a campaña ‘Enche o teu monte de vida autóctona’, unha iniciativa a través da que se entregará planta forestal frondosa e autóctona á veciñanza para contribuír a repoboar as máis de 850 hectáreas de franxas secundarias nas que as persoas propietarias deben realizar unha xestión correcta da biomasa e onde, segundo a Lei de prevención de incendios forestais, está prohibida a existencia de árbores como pino, eucalipto ou acacia.

Nesta segunda edición da campaña o Concello repartirá 1.800 exemplares de cerdeiras, nogueiras, érbedos, castiñeiros, carballos, sobreiras, aciñeiras e bidueiros. Súmanse así ás 1.600 árbores entregadas durante o pasado ano 2022 que se plantaron en 149 parcelas que sumaron un total de 61 hectáreas.

As persoas titulares das 13.200 parcelas de franxa secundaria do Concello e que teñan a biomasa correctamente xestionada poden solicitar xa as plantas para a súa parcela directamente no departamento de Medio Ambiente, con preferencia a aqueles veciños e veciñas que non levaran árbore o ano pasado e que pertenzan ás dúas parroquias consideradas prioritarias polo risco de incendio (Forcadela e Tomiño).