A Cañiza

Sae á luz o libro ”Historia da vila das achas”

Está composto por 300 imaxes, cancioneiros e un apartado de aparellos do campo

Presentación oficial do libro no Centro Cultural do Cotosobreiro.   | //D.P.

Presentación oficial do libro no Centro Cultural do Cotosobreiro. | //D.P. / l. c.

l. c.

O Concello da Cañiza e os veciños das Achas presentaron o libro “Historia da Vila das Achas”. Unha agardada obra na que participaron durante máis de dúas décadas homes e mulleres desta parroquia que quixeron deixar a súa pegada neste proxecto cultural que sae á luz a través de 335 páxinas cheas de referencias e máis de 300 imaxes, cancioneiros e un interesante apartado dedicado aos aparellos do campo que ten un marcado acento etnográfico.

No acto de presentación, que coincidiu coa celebración de San Sebastián, patrón da parroquia, participou, ademais da veciñanza, o alcalde Luis Piña quen manifestou sentirse “profundamente agradecido e orgulloso dos veciños da parroquia por impulsar esta obra cultural e mesmo testemuñal da historia, costumes, oficios, romarías, lendas, cancioneiros e arquitectura relixiosa, popular e civil de Achas. Un traballo excepcional que evitará que se desvaneza o atesourado na memoria popular da parroquia e que servirá de legado para as xeracións futuras”

Recoñecemento

O libro está dedicado aos homes que no ano 1809, durante a Guerra da Independencia, deron a súa vida na Ponte das Achas, para frear o avance das tropas de Napoleón, comandadas polo Mariscal Soult: Domingo Blanco, Bernardo Pérez e Marco Blanco.

A impresión desta nova obra está financiada polo Concello da Cañiza, por aportacións privadas e desinteresadas de veciños e tamén pola venda de exemplares. Un esforzo conxunto que permitirá adquirir o libro por un prezo simbólico de 5 euros.