Turismo

O Condado-Paradanta exhibe a súa enogastronomía en Fitur

Os dez concellos presentaron en Madrid os seus manxares culinarios e os seus viños

Presentación do xeodestino Condado-Paradanta en Fitur.   | // FDV

Presentación do xeodestino Condado-Paradanta en Fitur. | // FDV / d.p.

d.p.

A comarca do Condado-Paradanta presentouse a semana pasada na Feira Internacional do Turismo (Fitur) en Madrid como un destino de gran potencial enogastronómico.

A Xunta de Galicia está a impulsar o desenvolvemento dun Plan Territorial de Destino Turístico, un dos once de toda a comunidade, no xeodestino do Condado e A Paradanta que comprende 10 concellos.

No stand de Turgalicia, en Fitur, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, confirmou que este proxecto, centrado na enogastronomía, conta cun financiamento de 1,5 millóns de euros de fondos europeos e ten o apoio do Goberno galego.

“O GDR do Condado e A Paradanta é o exemplo do traballo ben feito, xa que o pasado ano puxeron en valor a súa oferta transversal baseada na natureza e, nesta ocasión, complementan este potencial turístico cunha aposta pola especialización en torno á súa potente enogastronomía”, salientou o representante autonómico durante a presentación deste xeodestino na xornada inaugural de Fitur en Ifema.

Este destino está formado polos 5 concellos do Condado: As Neves, Salvaterra de Miño, Ponteareas, Mondariz e Mondariz Balneario; e os 4 concellos da Paradanta: Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente; aos que se suma o municipio veciño de Salceda de Caselas (A Louriña).

Este xeodestino ten uns “indubidables e coñecidos atractivos naturais e paisaxísticos”, como son o punto máis alto da provincia, o Faro de Avión en Covelo, o río Miño, innumerables sendeiros, patrimonio, arquitectura e historia.

O que motiva a evolución da súa proposta turística en torno á enogastronomía, que ademais vai poder desenvolverse grazas aos fondos europeos. “Unha terra que conta coa lamprea de Arbo (recén declarada Festa de Interese Turístico Internacional), o xamón da Cañiza, o viño Rías Baixas en moitos concellos e cunha recoñecida feira en Salvaterra, o requeixo das Neves ou as augas de Mondariz, entre moitos outros, está obrigada, no bo sentido do termo, a dalos a coñecer en todo o mundo”, manifestou o delegado territorial.

O seu progreso turístico reflíctese na crecente oferta de aloxamentos existentes nestes dez concellos, que alcanzaron en conxunto os 166 establecementos ao peche do pasado exercicio.