Muller

O CIM de Soutomaior fai balance de 2022 con 700 consultas

A maioría foron de atención psicolóxica y Tamén a veciñas de Vilaboa e Pazos

l. c.

O Centro de Información á Muller (CIM) de Soutomaior fai balance do traballo desempeñado ao longo do pasado ano 2022, coa atención de 700 solicitudes de mulleres, non só do propio municipio senón tamén dos Concellos de Pazos de Borbén e Vilaboa.

As tres profesionais do CIM –axente de igualdade, asesora xurídica e psicóloga– orientan ás usuarias en diversos temas que van desde cuestións legais, principalmente relacionadas con custodia de menores e pensións alimenticias, a consultas de atención psicolóxica, atención a vítimas de violencia de xénero e información sobre cursos e actividades.

Así, case a metade das peticións, un total de 323, centráronse na solicitude de consultas de atención psicolóxica; seguidas das de información sobre cursos, actividades e programas xestionados polo propio CIM (213). Rexistraron 137 consultas de asesoramento xurídico, mentres que as actuacións de atención a vítimas de violencia de xénero contabilizáronse 23.

Este labor súmase á convocatoria da Mesa Local de coordinación fronte á violencia de xénero na que participaron diferentes profesionais implicados na atención ás vítimas de departamentos como a Policía Local, o Xulgado, a Garda Civil e a Subdelegación do Goberno. Ademais, desde o CIM xestionáronse varias axudas destinadas a mulleres, como a prestación de pago periódico ou o pago único, e os servizos de acompañamento para vítimas de violencia de xénero.

Por outro lado, foron moitas as persoas que se beneficiaron dos programas potenciados polo Concello a través do CIM, como o ‘Espazo Concilia’ que facilitou a conciliación familiar durante as vacacións escolares, ou o ‘Espazo de Autocoidado’ que mellorou a calidade de vida de decenas de mulleres.