Turismo

Nigrán homenaxea en Madrid a Domingo Villar

Estrea en Fitur un folleto do roteiro literario “A praia dos afogados”

Praia da Madorra, onde comeza a andaina.   | // FDV

Praia da Madorra, onde comeza a andaina. | // FDV / l. c.

l. c.

O Concello de Nigrán homenaxeou na Feria Internacional de Turismo (FITUR) ao aclamado escritor Domingo Villar presentando o roteiro literario ‘A Praia dos Afogados’, cuxa trama principal discorre pola parroquia de Panxón. Deste xeito, o Concello estreou en FITUR un folleto turístico específico en galego e castelán que reproduce os pasos do carismático personaxe Leo Caldas nesta internacionalmente famosa novela negra traducida a máis de 15 idiomas e levada ao cine no 2015. As persoas interesadas poden atopalo fisicamente na Oficina de Turismo de Panxón ou descargalo de xeito directo na web www.nigran.es.

“Domingo Villar foi, sen pretendelo, o mellor embaixador posible do noso municipio, por iso queremos manter viva a súa memoria a través deste roteiro que sabemos que interesa a miles de persoas e que recompila algúns dos lugares máis espectaculares de Nigrán e que el tan ben describe”, explica o alcalde, Juan González, quen incide nos “centos de lectores entusiastas’ que este verán participaron nos roteiros guiados que o Concello realizou como homenaxe ao escritor falecido en Vigo o pasado mes de maio e que gozaba de moitas vacacións estivais en Nigrán. “Colleitaron un éxito de público incrible, con esa experiencia e atendendo ás opinións dos participantes, realizamos este folleto”, explica González.

A andaina deseñada ten una lonxitude de 4,5 quilómetros divididos en 5 paradas e unha duración estimada de 2,5 horas cun grado de dificultade media. Seguindo o propio discorrer da novela, arranca na Praia da Madorra, onde aparece o cadáver maniatado dun mariñeiro que abre a investigación. A continuación continúa no Porto de Panxón, onde se atopa a lonxa ou a taberna ‘El Refugio del Pescador’, ademais das nasas ou embarcacións tradicional moi mencionadas no libro. A terceira parada é o Templo Votivo do Mar do arquitecto Antonio Palacios, lugar onde o inspector Leo Caldas se entrevista co párroco e cuxo interior contén mosaicos de escenas de naufraxios. Seguidamente, o camiñante debe dirixirse cara a península de Monteferro para visitar Punta Lameda, zona onde aparece afundido a barco de ‘O Rubio’ e, finalmente, conclúe no Monumento á Mariña Universal, contorna cuxas vistas sorprenden a Rafael Estévez, axudante de Caldas.

Estas cinco paradas figuran xeolocalizadas, con cadansúa frase da novela vinculada a esa zona en concreto e, a maiores, cunha breve información turística ao respecto.

Deseñado como un folleto manexable, con forma de libro que se pode gardar no peto, e con gran protagonismo das imaxes, inclúe un pequeno mapa e outros puntos de interese, todos eles mencionados dalgún xeito na novela, para aquelas persoas que desexen ampliar o roteiro.