Patrimonio

Nace o certame de curtas “Ollo con Nigrán”

Aberto o prazo para presentar as pezas que deben amosar espazos naturais da vila

“Ollo con Nigrán” é un concurso vídeo literario co que se divulga a gran riqueza medioambiental do municipio.   | // FDV

“Ollo con Nigrán” é un concurso vídeo literario co que se divulga a gran riqueza medioambiental do municipio. | // FDV / l. c.

l. c.

Nigrán ten unha natureza única, que inspira. Con esta idea, o Concello de Nigrán, Teatro do Ar e a cooperativa ‘Somos Terra’ únense para lanzar o certame “Ollo con Nigrán”, un concurso vídeo-literario que nace para potenciar a creación artística en lingua galega ao tempo que divulga a gran riqueza medioambiental do municipio.

Esta nova iniciativa, co prazo de participación xa aberto, é só un avance da programación municipal do mes de marzo, dedicada a unir cultura e natureza. Paralelamente, o certame ten o obxectivo de visibilizar e potenciar o comercio local, por iso os premios serán 1.000 euros en vales para consumir nos establecementos do municipio que se desexen sumar a través dun formulario web en www.nigran.es.

9 premios en 3 categorías

O certame constará de tres categorías: Estelas, para nenos e nenas de Nigrán nada no ano 2011 ou posteriores; Lourido, mozos e mozas de Nigrán nadas entre o ano 2005 e 2010; e Monteferro, para persoas nadas antes do ano 2005. Con tres premios en cada unha delas.

Ademais, o colexio que conte con máis alumnado participante tamén recibirá 200 euros para mercar no comercio local.

As persoas que desexen participar teñen que gravar un vídeo de non máis de dous minutos onde se mostrará a natureza de Nigrán e se contará un microrrelato, un poema ou un conto. A data límite para participar é o 5 de marzo ás 00.00 horas e as persoas poderán presentar os seus traballos a través dun formulario online acompañado dunha plica cos datos do autor ou autora e o texto orixinal que se utiliza no vídeo.

As bases están dispoñibles na web municipal www.nigran.es e as persoas poderán presentar calquera dúbida en cooperativa@somosterra.gal, grupoteatroar@gmail.com ou a través de cadansúa rede social

Novos talentos

“O certame ‘Ollo con Nigrán’ permitiranos coñecer as miradas que os veciños e veciñas teñen do noso municipio, descubrir xoias ocultas, aprender en conxunto que a nosa natureza é a nosa maior riqueza e, sobre todo, subliñar a importancia do noso lema de crecemento: Equilibrio Natural”, explica o alcalde, Juan González, quen engade tamén “a oportunidade que supón para descubrir novos talentos”.