Axudas

Máis de 14.000 euros para clubs e asociacións cañicenses

O Concello concede subvencións a 13 entidades locais

l. c.

O Concello da Cañiza subvencionou cun total de 14.030 euros s ás asociacións culturais e clubs deportivos do municipio que o solicitaron e que presentaron toda a documentación ao abeiro da ordenanza que regula a concesión de axudas destinadas ao fomento de actividades culturais e deportivas.

Foron un total de 13 entidades que segundo manifestou o alcalde Luis Piña “son unha parte fundamental do noso entramado social porque a posta en marcha das súas actividades melloran a convivencia, contribúen ao desenvolvemento social e inclusivo de todos os nosos veciños, e no caso dos clubs deportivos, fomentan a práctica de distintas disciplinas, aproveitando o tempo libre e impulsando programas de interese para todos”.

Coas axudas concedidas preténdese tamén “intensificar a promoción do Concello por parte dos subvencionados, de xeito que, entre todos, poidamos continuar reforzando a marca Cañiza e todos os nosos activos e potencialidades turísticas e económicas. Un traballo compartido en beneficio de todos”.

Ademais destas axudas, dende o Concello lembran que colaboran con todas estas entidades para que poidan desenvolver gratuitamente as súas actividades nos centros e instalacións municipais sen pagar ningunha taxa polo uso dos mesmos.

O alcalde avanzou que nos vindeiros meses sairán publicadas novamente as axudas correspondentes á anualidade 2023.