A Festa da Lamprea de Arbo logra a consideración de Festa de Interese Turístico Internacional converténdose na número 15 das citas galegas con esta certificación de importancia e trascendencia mundial.

Esta boa nova para o municipio anunciouna o alcalde arbense, Horacio Gil, na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebrou a semana pasada en Madrid.

Horacio Gil encargouse de presentar os atractivos do municipio no stand de Turgalicia. Eloxiou a Arbo, que ostenta o recoñecemento de “Vila da lamprea e corazón dos viños Condado e Albariño”, e celebra a Festa da Lamprea desde fai máis de sesenta anos, xa que os vindeiros días 22, 23 e 24 de abril celebrarase a LXIII edición.

Esta distinción supón o máximo recoñecemento que se pode alcanzar neste ámbito turístico. Durante o acto en Fitur, a subdirectora xeral de Desenvolvemento e Sustentabilidade Turística, Ana Muñoz Llabrés, fíxolle entrega a Horacio Gil desa distinción de Festa de Interese Turistico Internacional á Festa da Lamprea de Arbo.

Tras a presentación e para celebrar a boa nova, os asistentes no expositor de Turgalicia degustaron lamprea de Arbo, acompañada dos viños das nosas adegas con D.O. Rías Baixas. Neste caso foi da variedade “seca”, xa que a que se degusta na Festa da Lamprea, pódese preparar unicamente en tempada, de febreiro a maio.

Historia

A Festa da Lamprea de Arbo tivo a súa orixe no ano 1961 cando un grupo de veciños e responsables de varios restaurantes e adegas organizaron a primeira edición co obxectivo de dar a coñecer este produto, así como os viños albariño do municipio, hoxe acollidos á Denominación de Orixe Rías Baixas. Desde entón, Arbo celebra ininterrompidamente a súa festa máis importante do ano na que milleiros de persoas acoden para degustar a lamprea nas súas diferentes preparacións, acompañada dos caldos da zona.

En 2005 logrou a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, en 2016 o recoñecemento a nivel nacional e a súa 63 edición será Festa de Interese Turistico Internacional.

“A Festa da Lamprea é o noso orgullo, nela envorcamos todo o noso traballo, esforzo e agarimo. Esta festa serve para render homenaxe a todas as persoas que ao longo da historia deron a coñecer a nosa localidade: precursores da Festa, alcaldes, corporacións, pescadores, cociñeiros, asociacións e veciños” dedicou o alcalde.