Muller

Cafés a prol da igualdade no Rosal

O Concello organiza charlas os últimos xoves de mes en locais de hostalería

l. c.

Crear un espazo de reunión íntima entre mulleres para falar de temas de interese, unha burbulla de lecer persoal dunha hora ao mes na que poder conversar como se se estivera cun grupo de amigas. Ese é o obxectivo dos ‘Cafés en igualdade’, unha iniciativa posta en marcha polo Concello do Rosal que arrancou este mes de xaneiro e que busca ser un balón de osíxeno para todas aquelas mulleres que loitan cada día para conseguir unha conciliación familiar, laboral e persoal real.

“Cando falamos de conciliación sempre pensamos na necesidade de compatibilizar o traballo remunerado co doméstico e coas responsabilidades familiares. Non obstante, non debemos esquecer que tamén é moi importante dispoñer de tempo para o desenvolvemento persoal de cada unha. E iso é precisamente o que queremos crear cos ‘Cafés en igualdade’, un recuncho no que deixar a un lado todas as obrigas diarias para conversar con outras mulleres como se estiveramos cun grupo de amigas”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O obxectivo é planificar encontros interesantes para mulleres nun horario diferentes, moitas veces aproveitando os tempos mortos de obrigas cotiás como poden ser as esperas mentres fillos e fillas están nas actividades extraescolares. Por este motivo a actividade desenvolverase soamente os últimos xoves de cada mes ata maio en establecementos hostaleiros do Rosal e durarán 60 minutos en horario de tarde (de 17.30 a 18.30 horas). Como salienta a rexedora, “queremos crear un ambiente íntimo compartido entre mulleres mo que a relatora máis que unha persoa que expón un tema sexa quen de acompañar e interactuar coas persoas asistentes, creando un espazo de confianza cómodo e agradable”.

Os ‘Cafés en igualdade’ arrancaron antonte falando de ‘Deporte e autocoidado” e a seguinte cita será o 23 de febreiro. Nesa ocasión, a charla estará centrada na maternidade, nas expectativas xeradas fronte á realidade, a frustración, os embarazos desexados e non cumpridos e a maternidade como elección e non como obriga. Será na Cafetería Nenza Xida, na Praza do Calvario, a cargo de Angelina Gándara, educadora social con ampla experiencia na formación a familias e coordinadora do programa ‘Somos familia, somos equipo’.