Unha vez máis, Porriño despedirá o ano por adiantado, unha cita xa convertida en tradición na Louriña. Neste 2022 o evento estará amenizado pola música da Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas, da Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios, da orquestra La Fórmula e varios DJ´s.

Será, coma sempre, a xornada previa a Noitevella, o venres 30 de decembro, na Praza Arquitecto Antonio Palacios a partir das 20.00 horas; e a medianoite soarán as doce badaladas.

Previamente, pola tarde, haberá outra cita, nesta ocasión deportiva, a San Silvestre. Con saída dende o mesmo lugar, ás 17.00 horas.

Un conto de Nadal

O día de Reis, venres 6 de xaneiro, o pavillón municipal de deportes acollerá un novo espectáculo musical: “Un conto de Nadal, coa orquestra Ocaband”. A formación reinvéntase unha vez máis creando este espectáculo especial para estas datas festivas. O show será conducido por Manquiña e Pepo Suevos, que tamén cantarán.

Dará comezo ás 19.00 horas e a entrada e libre e de balde ata completar a capacidade das instalacións.