Deporte

Dani Martínez e Diana Domínguez gañan o Trail do Trega

Máis de 300 persoas participaron desta proba no monte guardés

Acto de entrega de premios, no que estiveron presentes o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes e a Deputada Provincial Iria Lamas.   | // FDV

Acto de entrega de premios, no que estiveron presentes o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes e a Deputada Provincial Iria Lamas. | // FDV / l. c.

l. c.

O Concello da Guarda acolleu a novena edición do Trail do Trega, unha proba deportiva con 16 quilómetros de percorrido de pura natureza patrimonial e paisaxística polo Monte Santa Trega.

A xornada non comezaba doada polas abundantes precipitacións dos días anteriores o que, sumado a unha intensa néboa, adiantaban que o evento ía a ser moi duro para os máis de 300 participantes inscritos.

Só con 2 quilómetros de percorrido o grupo de favoritos xa se atopaba en primeiros postos, a parella formada por Dani Martínez e José Manuel Gil adiantouse a un ritmo que non puideron seguir o resto de corredores e ao paso polo primeiro cumio do Monte Santa Trega Dani Martínez, do Club Cornelios, xa se distanciou collendo a vantaxe precisa para chegar en primeiro lugar ata a liña de meta, seguido de José Manuel Gil e en terceiro posto José Manuel González Domínguez.

Pola súa banda a favorita da categoría feminina, Diana Domínguez, cumpriu coas previsións e superou a todos os seus rivais dende o quilómetro 0, acadando a vitoria que dominou de principio a fin, distanciando en máis de dous minutos á segunda clasificada, Lourdes Vázquez, e a máis de 4 minutos de Raquel Doira, terceira.

O trail do Trega, é a derradeira proba da Pontevedra Trail League da Deputación de Pontevedra o que coroou aos diferentes gañadores das diversas categorías que compoñen esta liga, acadando a vitoria absoluta Daniel Pazó e Diana Domínguez.