O Concello de Tui quere elevar o seu comercio local ás alturas. Neste camiño vén de poñer en marcha unha campaña promocional de apoio ao comercio de proximidade baixo o lema #ElixeTui, unha orixinal campaña impulsada dende a área de comercio coa que se busca “impulsar e promocionar a compra nos establecementos locais sensibilizando á veciñanza da importancia de consumir en clave local para activar a economía, defender o emprego e impulsar o crecemento da nosa cidade en beneficio de todos e todas”, como sinala a concelleira de Comercio, Ana Núñez.

A campaña estará activa ao longo dos próximos meses coincidindo con datas de grandes eventos que mobilizan unha gran cantidade de compras. A campaña de comunicación incluirá un amplo abano de accións cos que implicar á veciñanza e comerciantes na dinamización do comercio local nesta recta final do ano, animando a todas e todos os tudenses a apostar polo consumo de proximidade ao longo do ano e de xeito especial nas próximas datas de compras como é o Black Friday ou durante as festas de Nadal.

Para iso, o Concello deseñou unha imaxe específica e distribúe entre o sector da hostalaría e a restauración manteis coa imaxe da campaña, coloca carteis nos establecementos, reparte entre os comerciantes bolsas de cartón serigrafiadas, instala unha valla publicitaria coa que animar tamén a mercar en Tui a todas e todos os visitantes e inicia unha campaña de promoción en radio e nas redes sociais.

Coa imaxe de Tui subindo ao ceo grazas a milleiros de globos, a campaña está inspirada na historia real de Edith Macefield, unha muller de 80 anos de Estados Unidos que sostivo unha longa batalla contra os donos dun centro comercial que pretendían desaloxar a súa casa para continuar co proxecto e que deu lugar a coñecida película de animación “Up!”. “Esa é exactamente a mensaxe que queremos trasladar ao pequeno comercio, que as ameazas poden converterse en oportunidades”, explica a edil, que destaca tamén que a campaña “quere sensibilizar á veciñanza da necesidade de ser solidarios coas e cos nosos veciños, especialmente agora que se achega unha época de moitas compras”.

Solicitude de material

Todo o material promocional da campaña está a disposición dos establecementos comerciais na Oficina de Turismo de Tui.

As persoas interesadas poden dirixirse á Concellería de Comercio escribindo un correo electrónico ao enderezo comercio@tui.gal ou chamando ao número de teléfono da 673 14 95 25 para calquera aclaración ou dúbida.