Tralo éxito acadado nas edicións anteriores, o Concello de Tui prolonga o Mercado de Nadal durante un mes, así dende o 5 de decembro e ata o 5 de xaneiro permanecerá aberto ao público no céntrico Paseo da Corredoira, que se inundará da maxia e dos produtos típicos desta época do ano.

Instalaranse un total de 10 casetas de madeiras para acoller os postos, que serán de persoas artesás e comerciantes con produtos específicos destas datas como alimentación, decoración ou agasallos.

Abrirá de luns a xoves de 17.00 a 21.30 horas e de venres a domingo, festivos e véspera de festivo tamén de 12.00 a 14.00 horas. O 24 e 31 de decembro abrirá só en horario de mañá e o 25 de decembro e 1 de xaneiro permanecerá pechado.

Inscricións abertas

As persoas interesadas en instalar un posto teñen de prazo ata as 23.00 horas de mañá domingo, día 20, para solicitalo mediante un formulario en liña, accesible na web www.tui.gal. A participación no mercado é gratuíta aínda que as persoas expositoras deberán depositar unha fianza de 150 euros. Pódese solicitar o mes completo ou quendas semanais.