Con magosto, viño novo e moita música é como celebrará este ano Moaña a festividade do seu patrón San Martiño. Logo das restricións impostas nas dúas últimas edicións, neste 2022 volve o “San Martiño de toda a vida”, así o aseguraban dende a comisión de festas e dende o concello durante o acto de presentación do programa. Un cartel que arranca hoxe mesmo coa Festa a Xuventude, a partir das 22.30 horas, na carpa do adro de arriba de San Martiño. Nesta ocasión actuarán as bandas Somoza Trío, Dekins e Broken Peach, que ofrecerán ao público as mellores versións de rock de todos os tempo,s e como broche final, na carpa do adro de abaixo, dj Shakvs.

O San Martiño recupera todo o seu esplendor

A programación retomarase o xoves, día 10, véspera do día grande, con pasarrúas pola tarde a cargo da charanga O Fisgón e disputarse un partido de fútbol que enfrontará ao CD Moaña e ao Domaio CF. Ás 20.00 horas será a velada cultural con proxeccións históricas do investigador local Manuel Uxío García xunto a Antonio Costa Iglesias. Actuará o grupo de cámara da Escola Municipal de Moaña e realizarase unha visita guiada á exposición “Moaña, do século I ao XXI” na reitoral. Ás 20.30 horas dará comezo a primeira das catro verbenas a cargo do grupo Lume e a orquestra Marbella.

O venres 11, día propio de San Martiño, oficiarase a misa solemne ás 12.00 horas, cantada pola coral San Pedro de Domaio e ao remate saírá a procesión acompañada polas bandas airiños do Morrazo e Cultural de Arcade. A charanga Os Colores tamén amenizará e pola noite actuarán as orquestras Los Satélites e Los Player’s.

O vindeiro sábado, 12, festexarán o día do Carme. A charanga Vai de Baile animará as rúas e furanchos. Ás 12.00 horas terá lugar a misa solemne cantada pola Coral Moañesa e ao remate procesión acompaña coa agrupación Airiños do Morrazo e Unión Musical de Tenorio-Cotobade, que ofrecerán sendos concertos ás 14.00 e ás 19.00 horas, respectivamente.

Xa para rematar o programa, na xornada dominical de novo a charanga Vai de Baile animará coa súa música, haberá xogos populares, actuará o grupo Breogán de Moaña e o grupo Ámbar porá o broche de ouro coa última das verbenas.

Máis dunha ducia de furanchos

Coa total normalidade volven tamén os tradicionais furanchos, un elemento protagonista do San Martiño de Moaña. Serán algo máis dunha ducia, sete deles estarán instalados baixo unha das dúas carpas do atrio, entre eles un pulpeiro procedente da Coruña. Todos eles abriron xa onte, venres, e estarán operativos ata o vindeiro domingo, día 13, última xornada festiva. Non teñen un horario establecido, senón que varía segundo o día. Precisamente esta noite, a Festa da Xuventude está previsto que remate sobre as dúas da madrugada, aínda que se incluirá a actuación dj entre os furanchos que poderán permanecer abertos ata as catro.

Aparcamento

Dende a comisión de festas indican tamén que se habilita un aparcamento xunto ao campo do Casal, a 400 metros do recinto, a tan só 5 minutos camiñando, quedando prohibido estacionar na contorna da festa.