A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas foi convidada un ano máis polo Cabildo da Catedral da Almudena, en Madrid, para participar na procesión de Santa María La Real, onde fará unha particular ofrenda floral, elaborando unha alfombra, para o paso da Virxe, como as que se fan en Ponteareas con motivo da festa do Corpus Christi.

O deseño da alfombra está inspirado na cúpula da Catedral, e ao igual que os debuxos de Luis Galicia, en cada esquina reprodúcese un dos catro elementos, terra, aire, auga e lume. O motivo central da alfombra é a imaxe de Santa María La Real, debuxo realizado polo pintor, Javier Otero, que colabora coa Asociación de Alfombristas. Ao arredor e como marco destes motivos centrais, reprodúcese unha orla de elementos vexetais para encarnar a fusión da cor e a xeometría na natureza. O tapiz será cadrado, dunha superficie aproximada de 80 metros cadrados. As flores que se empreguen serán, principalmente, caraveis, buganvillas, hortensias e o restos de elementos vexetais serán levados dende Galicia para confeccionala. Para elo, membros da Asociación de Alfombristas de Ponteareas viaxarán o vindeiro martes a Madrid para confeccionar na madrugada do mércores 9 a alfombra de flores na rúa Bailén, diante da Porta do Príncipe do Palacio Real.

Con esta ofrenda, este Ano Santo Xacobeo 2022 dende a asociación indican que queren tamén destacar, de forma simbólica, dúas catedrais, a da Almudena e a de Santiago, unidas polo Camiño que percorren miles de peregrinos.