A Compañía Ibuprofeno Teatro abriu con “Smoke on the water” o Outono Teatral da Guarda. Foi o pasado sábado, no centro cultural, onde se representarán as outras 5 obras que completan a programación.

Para este ano 2022 fíxose unha aposta decidida por manter o nivel das compañías profesionais escollidas, así como por achegar unha variedade nos temas tratados e na perspectiva e técnicas teatrais empregadas, procurando xerar unha diversidade e ofertar propostas novidosas que sigan atraendo ao público guardés.

Fíxose tamén un importante esforzo para que a oferta de programación non quedara só no público adulto, xa consolidado, senón por atraer a públicos máis novos, dende a mocidade que pode atopar unhas atraentes temáticas novidosa, como as meniñas e meniños e familias para as que se fixo unha coidada selección de historias sen esquecer o toque de humor, buscando así crear o hábito ao teatro desde as idades máis temperás.

Programáronse dúas funcións por mes, a seguinte e última de outubro, será o vindeiro sábado 29 da man da Compañía Pedras de Cartón que interpretará “O Quixote” para público infantil e familiar.

En novembro, o día 12 chegará a tenrura da tradicional historia das “Fabas Máxicas” da compañía Caramuxo Teatro para os máis pequenos da casa e o 24, para adultos, “As que limpan” da compañía A Panadería.

En decembro, o día 4 os nenos poderán desfrutar do humor e desenfado de Fran Rei con “Superheroe” e xa o 9 Diana Sieira chega por primeira vez ata a Guarda con “The Witch”

As funcións de adultos son todas as 20.30 horas e precísase reservar entrada cunha semana de antelación a través da web www.eventbrite.es; as infantís celebraranse ás 18.30 horas.