Fomentar valores como a empatía, o compañeirismo, o respecto e a solidariedade dun xeito lúdico e divertido. Ese é o obxectivo co que nacen os ‘Xogos da empatía’, unha xornada de carácter non competitivo posta en marcha polo Concello do Rosal en colaboración coas asociacións na que nenos, nenas e maiores poderán achegarse a diferentes actividades deportivas adaptadas, dando así un paso máis para converter O Rosal nun concello 100% inclusivo, tamén a nivel social.

Será mañá domingo, cando a Praza do Calvario se converta nun grande espazo deportivo no que desfrutar de catro disciplinas nas que os participantes non poderán empregar todas as súas habilidades. Así, poderán experimentar coas handbike tanto conducíndoas como indo de copiloto cos ollos vendados, o slalom en cadeira de rodas ou os xogos tradicionais adaptados como a petanca a cegas por parellas. Por outro lado, para una maior difusión e práctica do balonmán, haberá tamén sesión adaptadas nas que os participantes xogarán de diferentes formas para maior coordinación co balón. Outra das actividades que está previsto que se desenvolva será a de baloncesto en cadeira de rodas.

A actividade rematará cunha carreira-camiñada a cegas onde as e os participantes por parellas unidos por unha corda farán de guía e de guiado, como nas carreiras de persoas con discapacidade visual. O obxectivo é facer sentir a nenos, nenas e maiores o mesmo que unha persoa que non ve e goza do percorrido pola confianza e entrega á persoa que fai de guía. Haberá unha versión para adultos de 2 quilómetros e outra para cativos e cativas en forma de xincana de obstáculos.

Inscricións pechadas

As actividades están abertas a un máximo de 200 persoas que desfrutarán das disciplinas deportivas en grupos de 50 e en catro quendas que se celebrarán ás 10.00, 11.00, 12.00 e 13.00 horas. Para participar era preciso inscribirse, cuxo prazo xa rematou.

“Esta iniciativa, que nace no seo do Consello do Deporte, busca ofrecer a toda a xente a posibilidade de poñerse por un rato do outro lado e gañar así perspectiva de inclusión. E fainos moita ilusión poñela en marcha, porque para nós supón continuar dando pasos para rachar barreiras en todos os ámbitos”, explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o acto de presentación, no que estivo acompañada por representantes das asociacións Avelaíña, Discamino e San Xerome, así como do club deportivo Tamiar-Apamp, así como de membros do Goberno local e de Serafín Martínez Acevedo e Víctor Valderrama, da empresa Noko 360 Sports Consulting, encargada do desenvolvemento das probas deportivas.