Logo dun intenso verán onde o Concello de Baiona ofreceu un sen fin de eventos de todo tipo chega unha nova a programación para gozar da cultura no outono.

Na segunda quincena deste mes de outubro terá lugar o Circuíto Galego de Teatro Amador. A primeira das funcións será o vindeiro venres, no auditorio municipal V Centenario, ás 20.00 horas. Trátase dun espectáculo de microteatro que contará coa interpretación de tres pezas: Hipócrita Teatro representará “Mitoloxía para Ignorantes”, Porta Aberta Teatro “A Dous Cadaleitos de Ti” e Lohengrín Teatro “Terra”.

Ao día seguinte, o mesmo escenario á mesma hora, acollerá “Clowncertazo” de Falcatrueiros Monterroso.

O domingo 16 haberá dobre función. Ás 12.00 horas, “D’función” de Teatro Antas de Ulla, e pola tarde, ás 19.00 horas, Fauna 113 interpretará “Os veciños do lado”.

O Circuíto Galego de Teatro Amador da Federación Galega de Teatro Afeccionado consiste nunha programación de catro funcións teatrais por sede. Estes catro espectáculos son repartidos por toda Galicia. Desta forma, preténdese que as compañías actúen fóra do seu círculo xeográfico. Ademais, esta iniciativa promove a mobilidade xeográfica dos grupos de teatro.

A aula de Teatro de Baiona mantén aberto o prazo de matrícula para o curso 2022/2023. As clases deron comezo esta mesma semana, son impartidas por Mónica Sueiro e desenvólvense no Auditorio V Centenario.

Por unha banda está o grupo de iniciación “Teatro para a vida”, con sesións os luns, de 20.00 a 21.30 horas, e os martes, de 11.00 a 12.30 horas. E por outra, o grupo de avanzado “Nos si? Teatro”, con clases os martes de 18.00 a 21.30 horas.

Para obter máis información ao respecto poden escribir un correo electrónico ao enderezo monicasueiro@gmail.com ou chamar ao número de teléfono 638 186 112.