O prazo para solicitar as axudas municipais para comedor e material escolar en Mos permanece aberto ata o vindeiro 14 de outubro. As solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica municipal. O modelo de impreso a cumprimentar pode descargarse na páxina web municipal, mos.es, ou recollelo en papel no Rexistro ou na OMIX.

Este curso, o Concello de Mos triplica as axudas para comedor e duplica as de material escolar. O orzamento municipal anual destinado a subvencións para comedor escolar ascende de 10.000 a 30.000 euros, de xeito que ningunha familia solicitante quedará sen axuda. A subvención concedida polo Concello neste senso é de 2 euros por menú de cada neno/a ao día. Os pagos das axudas para comedor escolar inclúen este curso unha nova forma de pago trimestral, así os abonos das subvencións faranse nos meses de decembro, marzo e xullo.

En canto ás axudas municipais para a adquisición de material escolar duplicouse o orzamento anual destinado a tal fin, pasando de 5.000 euros a 10.000 euros, co obxectivo de poder chegar ao maior número de familias.