O Concello organizou unha recepción aos piragüistas tomiñeses Manuel Ochoa e Emilio Rodríguez, dous deportistas que están acadando importantes logros para este deporte a nivel nacional e internacional e que levan o nome de Tomiño por todo o mundo.

A alcaldesa, Sandra González, gabou os últimos trunfos de Manuel Ochoa, que fixo historia ao acadar a medalla de prata na Copa do Mundo de Slálom Extremo, coroándose como un dos mellores deportistas do mundo nesta categoría. Sandra González tivo tamén unha verbas de eloxio para Emilio Rodríguez, “ao que lle dariamos o ouro non só polos seus logros deportivos, senón pola súa entrega e dedicación ao Club Deportivo Miño-Teixugos, polo seu cariño polos nenos e nenas, por crear unha canteira de luxo, por compartir cos demais a súa paixón por este deporte e por facelo sempre dun xeito desinteresado”.