A praia de Patos volve a ser un exemplo en todo o país do verdadeiro surf universal. O areal acolle por segundo ano consecutivo o trofeo Concello de Nigrán de Surf Adaptado (onte) e o Campionato Galego e Nacional (hoxe). O evento deportivo está promovido desde Quenlla Surf Clube, Federación Galega e Española de Surf, Xunta e Concello de Nigrán como parte do seu programa de accesibilidade universal ‘Un Nigrán para todos’. Igualmente, como parte desta competición, o Concello volve a contar con Aitor Francesena ‘Gallo’, actual campión nacional e internacional de Surf Adaptado na categoría para invidentes, que ofreceu onte unha charla no pavillón de Panxón. A maiores, o Concello ofrecerá hoxe, ás 21.00 horas, o seu festival ‘Rock in Patos’ coa presenza de MITIC e como colofón musical ao campionato.

A gaita é a protagonista en MITIC. | // FDV

“Somos un exemplo en políticas de accesibilidade universal e agora unha referencia internacional en surf adaptado grazas á sensibilidade das nosas escolas. Estamos moi orgullosos de que Patos sexa un referente de inclusión e diversidade, esa é a mellor imaxe que podemos exportar do noso municipio”, explica o alcalde, Juan González.

Deste xeito, Patos volve a ser o escenario de competición para surfistas de todo o país con diversas discapacidades e agrupados en diferentes categorías atendendo a súa especificidade (invidente total ou parcial, falta de extremidade/s superior ou inferior, surfistas que collen a ola sentados ou tumbados...)... “Cada un deles nos transmite leccións de vida moi positivas e necesarias para todos”, engade González. “Animo a todo o mundo a que acuda a praia porque recibirá a cambio unha lección de vida e de superación”.

Igualmente, como na edición de 2021, a través de Quenlla realizaranse bautismos de surf para persoas con diversidade intelectual pertencentes a entidades como o CEE Juan María, Fundación Melena, Igualarte ou Centro San Francisco.

Espectáculo MITIC no festival Rock in Patos, esta noite

O Concello de Nigrán despide o verán hoxe co seu senlleiro festival Rock in Patos, protagonizado nesta edición polo espectáculo de MITIC na súa versión máis roqueira. Nesta ocasión o evento musical retrasouse a esta data para coincidir precisamente coa celebración do Campionato de España de Surf Adaptado no propio areal, polo que suporá o broche de ouro á competición deportiva que xa o ano pasado reuniu neste lugar a centos de participantes de todo o país. O escenario elixido para que os amantes do rock gocen da música en directo será a zona de aparcamento das escolas de surf, onde tivo lugar o primeiro Rock in Patos no 2019.

A entrada é de balde ata completarse o aforo e como todos os eventos do Concello de Nigrán, será un concerto inclusivo grazas ás cinco mochilas vibratorias para o uso das persoas xordas, así, os interesados en empregalas deben solicitalas previamente no mail info@entresignos.com ou no whatsapp 690679675.

“Viviremos un solpor espectacular cara a Praia de Patos con música rock en directo nun formado nada habitual, xa que a gaita é a gran protagonista en MITIC”, explica Juan González, alcalde de Nigrán, quen subliña precisamente o feito de que este ‘Rock´n Patos’ coincidirá coa presenza no areal de surfistas discapacitados de todo o país e as súas familias. “Cremos que está máis que xustificado retrasalo ata esta data”, resume González sobre este festival que, ata agora, se festexaba na última fin de semana de agosto a modo de peche da programación estival.