O Concello de Redondela vén de adquirir un novo libro como agasallo institucional. Desta vez trátase dunha obra, en edición coidada con tapa dura, que inclúe as sete cantigas de Martín Códax e a única que se conserva de Mendiño.

“Redondela como pioneira en Normalización Lingüística, ten a obriga de seguir recuperando, conservando e difundido o noso patrimonio cultural e, nada mellor para iso, que un dos maiores tesouros patrimoniais que ten Galicia como son as cantigas de Martín Códax e a única que se conserva de Mendiño”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

O libro ofrece unha versión facsímile das cantigas, unha edición moderna e unha versión en galego actual para facilitar o acceso aos textos. Como complemento reprodúcense distintas miniaturas medievais tomadas dos cancioneiros orixinais que nos permiten coñecer os instrumentos, a disposición ou as vestimentas que había en Galicia hai arredor dun milenio.

A maiores, este agasallo institucional inclúe un CD coas versións musicais de Martín Códax, conforme á anotación musical do Pergamiño Vindel, e unha versión da cantiga de Mendiño, cunha partitura composta a partir do contrafactume do ofertorio “De profundis clamavi ad te, Domine”.