Cando un lle pregunta ao guía de montaña responsable do plan anual de rutas do Concello de Covelo que balance fai destes últimos catro anos de andainas, a resposta é breve pero contundente: “o que proba, repite”. Julio Eiroa, biólogo e tamén fotógrafo asegura ser feliz co seu traballo e ter descuberto nestes últimos tempos unha profesión emocionante “ser guía de montaña é, ao final, o cemento que une a bioloxía e a fotografía, coa sorte de ter unha oficina en plena natureza pola que pasan persoas que respectan o medio natural e valoran moito o tempo libre, descubrir persoas e recunchos tan fermosos como esquecidos e demostrar que no rural non se sobrevive, vívese”.

A concelleira de Turismo, Lourdes Enes, explica que na actualidade o Concello de Covelo ofrece catro rutas de titularidade municipal, tres de río (Ruta dos Carranos PR-g 95, Ruta AqA e Ruta do río Alén e Barcia de Mera) e unha de montaña, a Ruta Poza Piñeiro. Ademais, ofrece cinco rutas xestionadas e propiedade de comunidades de montes veciñais en man común, unha de río: Ruta do Xabriña PR-g 119 (CMVMC Paraños, A Lamosa e Prado da Canda) e catro de serra: Ruta da Forca do Lobo PR-g 231 (CMVMC Campo), Ruta Sendeiro do Val do Louro PR-g 258 (CMVMC Maceira), Ruta da Pedra do Lobo (CMVMC Covelo) e Ruta do Camiño das Estrelas (CMVMC Prado). Na páxina web do concello pódense consultar as características de cada unha delas.

A esta oferta hai que sumarlle as dúas etapas da Vía Mariana que gozan da visita de camiñantes en estado puro amantes das paisaxes virxes e recónditas e tamén as visitas guiadas ao serradoiro dos Carranos, as excursións para observación de estrelas no Castelo do Faro e as excursións de “Ponte en ruta”.

Foi tal o éxito das rutas, que o Concello tivo que pasar de ofrecer actividades esporádicas e espalladas ao longo do ano a deseñar un plan anual estable que satisfaga a demanda das persoas que queren coñecer o patrimonio natural de Covelo. Iniciativa que conta co apoio da Deputación de Pontevedra.

Covelo posicionouse como referente das e dos camiñantes non só pola ampla cantidade de rutas, tamén pola diversidade das mesmas podendo atopar un camiño ideal para cada época do ano.

Se falamos de cifras é difícil pórlle un número aos visitantes porque o grado de repetición é moi alto, “polos Carranos pasaron xa máis de dúas mil persoas nestes catro anos e polo resto das rutas tamén son centos as que participaron nas rutas guiadas pero, sobre todo, debemos salientar o alto grado de repetición. Ao longo destes anos conseguimos fidelizar a moitos e moitas camiñantes”, engade Eiroa.

Son milleiros as persoas que percorren as sendas de Covelo atraídos pola súa fauna e flora pero tamén pola posibilidade de camiñar en grupo e da man dun experto que amplía os seus coñecementos e resolve, sempre que pode, as súas dúbidas e preguntas.

O alcalde, Pablo Castillo, agradece o paso de todas as persoas que deciden pasar o seu tempo libre en Covelo e convida, tanto aos que xa pasaron como ás novas visitas, a afondar tamén no patrimonio etnográfico e gozar da ampla oferta cultural estable, como as excursións guiadas polo etnógrafo Maximino Fernández Sendín.