Dende o mércores da pasada semana están xa abertas as inscricións para a IX edición do Trail do Trega, a proba deportiva que forma parte da Pontevedra Trail League e que este ano celebrarase o domingo 20 de novembro, contando co apoio do Concello da Guarda e das Comunidades de Montes.

O Trail do Trega é unha proba deportiva xa consolidada e que este ano trae un percorrido de 16 quilómetros cun desnivel positivo de 800 metros, contando coas mellores vistas e entorno natural de Galicia como é o Monte de Santa Trega.

A proba transcorrerá 100% polo monte Trega, un dos lugares máis visitados da xeografía galega. A carreira non ten un desnivel significativo pero o cambio de terreo constante, a orografía, climatoloxía farán que sexa unha proba dura e para a que se necesita unha boa preparación.

Establécense 4 categorías (masculino e feminino) de competición: absoluto, sénior, veteranos 40 e veteranos 50.

A organización habilitará dous avituallamentos no percorrido e paralelamente celebrarase unha andaina de 10 quilómetros con guía incluído.

As inscricións están abertas a través da seguinte ligazón: https://bit.ly/3S0b7aD e toda a información da carreira pódese consultar na web www.traildotrega.com.