Migallas Teatro será o encargado de abrir a nova programación de Rechouchíos organizada polo Concello de Moaña. Ofrecerá o seu espectáculo “Merenda con pan de millo” baseado no libro-disco “Pan de millo” no que se combinan cancións e narración oral, co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor. Será o día 23 de setembro no Centro Sociocultural Rosalía de Castro, en Domaio, ás 18.00 horas. E a partir de aí, todos os venres a cativada da localidade ten unha cita coa cultura.

Na axenda presentada ata o de agora figuran actividades ata o 4 de novembro, en diferentes localizacións do municipio, todas elas ás 18.00 horas e con entrada de balde.

Así o 30 deste mes representarase “A meiga da fonte” na Sala Celso Parada do CSC Daniel Castelao a cargo da Escola Galega de Teatro Musical. En outubro, o día 7 contacontos con Marta Ortiz no Real, o 14 “Contos na lareira” con Iván Davila en Tirán, o 21 Títeres Natúacasa presentan “Operación plancto” no centro multiusos de Meira e o 28 maxia en familia co mago Romarís no CSC Daniel Castelao. Xa o 4 de novembro está programada “Historias de Bicharracos” no Centro Sociocultural Rosalía de Castro de Domaio.

A amizade, a diversidade, estimular a curiosidade e a imaxinación, desenvolver a creatividade e a expresión artísticas, darlles unha volta aos roles e aos estereotipos de xénero, concienciar sobre o coidado da natureza, choutar, xogar, bailar, cantar… na nosa lingua é o obxectivo do Rechouchíos. Unha programa de dinamización lectora e lingüística con actividades dirixidas ao público infantil e familiar ao que acoden nenas e nenos, maioritariamente de 0 a 8 anos que se vén desenvolvendo dende o ano 2016.

Recurso inclusivo

Xustamente en 2017, uniuse ao programa a Concellaría de Igualdade ao contratar intérpretes en lingua de signos en galego daquelas actividades que teñen un contido lingüístico importante. É o que chaman “signochíos”, interpretados por XOGA (Organización de Diversidade Sensorial de Galicia). Para preparalos, solicítaselle á compañía que actúa que escolla catro ou cinco palabras que definan o seu espectáculo e persoal de XOGA grava o significado desas palabras, que inclúe de fondo a canción de “Chío, chío, rechouchíos” de María Faltri. O ficheiro audiovisual xerado publícase nas redes sociais e, antes do comezo de cada actuación, repasan eses “signochíos” co público asistente.

Rechouchíos trae a Moaña a longo de todo o ano maxia, contacontos, monicreques, xogos, música e teatro infantil. O paxariño deseñado por Marc Taeger converteuse na mascota do programa e todas as actividades comezan co berro ideado por María Faltri.