Un contacontos musicado que axuda a nenos e nenas a estimular a súa creatividade e curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua, polos contos e a música para que poidan crear o seu propio universo creativo abriu o pasado luns o programa das festas patronais da Virxe do Alivio no Concello de Tomiño. Unha axenda cultural pensada para todos os públicos, con diferentes propostas e actividades lúdicas dirixidas ao público familiar celebradas na Praza do Seixo, lugar onde hoxe se celebrará unha nova edición do Acto Cívico do Alivio. O acto, que arrancará ás 21.00 horas e contará coa participación da Banda de Música da Agrupación Musical de Goián, homenaxeará, como é costume, a unha persoa tomiñesa distinguida, galardón que neste 2022 recae na chef Toñi Vicente. O Concello de Tomiño destaca o labor desta pioneira que lle puxo á alta cociña rostro de muller.

O programa musical, de actuacións de bandas de música e verbenas daba comezo onte e prolongarase ata o luns.

Durante a xornada de hoxe o grupo Treboada Baixo Miño recorrerá as rúas e barrios da vila. Ás 11.00 horas terá lugar a actuación da Banda de Música de Fermentelos que tocará de novo ás 19.00 horas. Pola noite, a verbena estará amenizada polas orquestras Capitol e Los Players.

Mañá domingo, comeza o día de festa coa celebración de misas rezadas durante a mañá e a misa solemne con posterior procesión. Ás 10.00 horas terá lugar a actuación da Banda de Música Agrupación Musical de Goián, que tamén actuarán pola tarde, ás 18.30 e 20.30 horas. Á noite, a orquestra Marbella e o grupo Assia amenizarán a verbena.

O luns día 12, na última xornada festiva oficiarase unha misa rezada e a misa solemne na honra á virxe. Ás 10.30 horas actuará a Banda de Música Municipal de Redondela. Pola tarde celebrarase a misa cantada na honra a San Cristovo, con bendición de coches e posterior caravana automobilística. Ás 19.30 horas terá lugar a actuación do grupo de baile Virxe do Alivio e pola noite o broche de ouro porao a orquestra Panorama, sen faltar os tradicionais castelos de luces.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida á veciñanza a gozar dunhas festas que regresan a súa normalidade pre-pandemia, nas que se agarda unha grande afluencia de público e que “apostan por unha programación innovadora e inclusiva, pensada para o desfrute e a confraternización das familias”.