Volven con moita forza as festas grandes do Porriño. Ao longo de todo o mes de setembro e ata o 2 de outubro o Concello ten programados máis de 70 eventos con entrada de balde. Haberá para todos os gustos, dende espectáculos infantís, cinema, monólogos, actuacións musicais e moito deporte coa exhibición de diferentes modalidades a cargo dos clubs do municipio.

Abaixo, acto de presentación da progarmación das festas. | // D. P.

A música será sen dúbida a gran protagonista. Volven os grandes concertos, as verbenas, as actuacións de bandas de música e novas edicións dos festivais Louro Valley e Mondando Cristo. Coque Malla abrirá a fin de semana grande das Festas do Cristo cun concerto o venres 23. Ao día seguinte farao Gisela, co seu espectáculo Concert Kids, unha viaxe a través dos temas da cinematografía de Disney e o día 30 actuarán As Tanxugueiras. Xa antes, o xoves 22, Treixadura en concerto.

París de Noia, Combo Dominicano, América e Los Player’s son catro das nove orquestras que amenizarán as verbenas dos días 24, 25 e 26 de setembro e 1 e 2 de outubro. Sete bandas de música tocarán nas prazas e rúas da vila, dende a propia do Porriño, ata a da Brilat que xunto coa de San Xoán de Paramos, acompañarán a procesión trala misa solemne do domingo do Cristo.

Proseguirán, como xa houbo en agosto, os concertos sorpresa nas prazas e a proxección de cinema infantil na rúa. Tamén pensando nos máis pequenos prográmanse espectáculos teatrais, de maxia, contos e títeres, sen faltar tampouco a animación de rúa que se intensifica nas fins de semana do 24 e 25, incluíndo tamén o luns 26, festividade local no Porriño, e o 1 e 2 de outubro, cando terá lugar ademais a final do certame “Tes talento?” que volve neste 2022 e cuxo prazo de inscrición segue aberto ata o vindeiro luns, día 12, no rexistro do Concello.

“Despois dos anos tan difíciles que tivemos que vivir merecemos aparcar por uns días os problemas e facelo xuntos, desfrutando destas festas con todas esas persoas que nos acompañan sempre, a nosa familia, amigos e veciños”, apuntou o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto de presentación das festas, á vez que destacou o apoio de todas as asociacións culturais e veciñais, clubs deportivos e da veciñanza que contribuíron desinteresadamente no programa das festas

A programación deu comezo co inicio de mes e para esta fin de semana, ademais da feira de oportunidade Merca na rúa están previstos, para hoxe sábado, o concerto de Xoana e, para mañá, o monólogo de Jazmín Abuín, a quen seguirán Arantxa Treus o vindeiro sábado 17 e Pepo Suevos o mércores 28.

Toda a programación, de xeito actualizado tendo en conta posibles cambios por mor das condicións climatolóxicas, pode consultarse na páxina web ecultura.net