Dez seccións de proxección, máis dun cento de curtametraxes internacionais, coloquios con cineastas, mesas redondas, charlas, encontros, premio cinema galego, MiniFIC, música, formación e moitas máis novidades integran a programación da 15ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu. O FICBUEU trae á localidade mariñeira dúas semanas ateigadas da sétima arte e diversas actividades que se prolongarán dende mañá domingo, 11 de setembro, e ata o sábado día 24, volvendo ao ritmo habitual logo de dous anos marcados polas restricións da pandemia

Durante o acto de presentación do evento o alcalde de Bueu, Félix Juncal, destacou que “este festival é un deses proxectos que nos permite compartir e vivir unha experiencia para gozar”. Segundo salientou Manuel Pena, codirector do festival xunto a María Ruiz e Nerea Lores, o evento recupera o aforo completo “nun ano especial cheo de novidades, no que a programación do festival pasa ás dúas semanas para dar espazo e tempo ás diferentes actividades, buscando un maior goce por parte do público cunha menor carga diaria, sen que isto repercuta na programación”.

Deste xeito, o FICBUEU 2022 estructurarase en tres bloques, cunha primeira semana dedicada ás curtametraxes e unha segunda na que se celebrará o MiniFIC e as I Xornadas Cinematográficas, destacando como unha das principais innovacións desta edición. Sobre as xornadas, Pena explicou que “estas non estarán orientadas á curtametraxe, senón ao cinema en xeral”, buscando “dar unha maior profundidade ao análise e á reflexión sobre a arte do cinema”.

Trala inauguración prevista para mañá domingo, ás 19.00 horas, durante toda a vindeira semana poderanse ver as habituais proxeccións da sección oficial e competitiva, en dobre quenda, ás 19.00 e ás 21.00 horas, ambas no Centro Social do Mar. Previamente, desenvolveranse as proxeccións de retrospectiva, e están previstas outras actividades como a emisión en directo dun programa especial de “Carne cruda”, concertos, presentación do Caderno FICBUEU 3, o V Mercado da Curtametraxe e a VII Ruta das Tapas, esta última organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo e que pretende apoiar a hostalaría local coincidindo cun dos eventos máis potentes e con máis público.

MiniFIC

Logo da primera semana terá lugar o MiniFIC, a programación especial para a rapazada e os centros de ensino. Contará cunha duración total de cinco días, dende o luns 19 ata o venres 23, e comezará coas proxeccións da Sección Escolas Internacionais. Trala primeira sesión virá a quenda das proxeccións das curtas de Escolas de Imaxe e Son e Facultades Galegas, coa súa correspondente entrega de premios.

Do martes 20 ao xoves 22 serán as proxeccións das Seccións Cativa, Infantil e Xuvenil, de portas pechadas e reservadas unicamente para os centros de ensino e o alumnado.

O venres 23 será o día con maior número de actividades para o público máis novo e para as familias, comezando coa Gala Escolas Galegas ás 11.30 horas. Pola tarde celebrarase o Concerto MiniFIC ‘Consertasso na horta’, da man de Brais Das Hortas, pechando o día a proxección de oito pezas na Sección Curtas en Familia.

I Xornadas Cinematográficas

O festival porá o seu punto e final coa principal novidade desta edición, as xornadas cinematográficas, un espazo para a reflexión sobre a arte do cinema que se realizará o sábado día 24. A entrada será de balde, aínda que será preciso reservar praza.

A apertura da programación destas I Xornadas Cinematográficas: esculpindo o tempo correrá a cargo do cineasta e investigador José Manuel Mouriño, quen dará unha clase maxistral sobre o tratamento do tempo nos seus filmes. Despois, as críticas de Caimán – Cuadernos de Cine Andrea Morán e Daniela Urzola terán unha conversa na que repasarán a obra dalgúns cineastas relevantes no tratamento do tempo.

Na sesión de tarde poderase asistir a unha mesa redonda en liña moderada pola docente Diana Ramahí na que participarán as cineastas e montadoras DianaToucedo, Ana Pfaff e Carolina Astudillo, a un encontro con Oliver Laxe conducido polo xornalista Ángel Suanzes e a proxección do filme Zerkalo de Andrei Tarkovski.

A programación completa do FICBUEU, que conta co apoio do Concello de Bueu, AGADIC, Deputación de Pontevedra e patrocinadores privados, pode consultarse na web do festival. Dentro da mesma, as actividades e proxeccións contan con diferentes modalidades de entrada (de balde, con custo, convite, abonos, etc), que se poden adquirir a través do apartado de tenda da páxina web ou no despacho de billetes.

23 pezas a competición na sección oficial

Dende o luns 12 e ata o venres 16 proxectaranse as 23 pezas que compiten na sección oficial. Haberá unha dobre sesión, a primeira ás 19.00 e a segunda ás 21.00 horas. Integran esta sección curtametraxes chegadas de diferentes recunchos de todo o mundo.

O luns poderase ver Mulaqat, Punch-Drunk, Bestia, Egúngún e Lay Me By The Shore. O martes: Brutalia, Ergasimes Meres, Über Wasser, Somleng Reatrey e O Que Resta. O mércores: L’enfant Salamandre, Affairs Of The Art, In Flow Of Words e Fantasma Neon. O xoves: Severen Pol, Memoir Of A Veering Storm, Duo Li, Pa Vend e Easter Eggs. E o venres: Milý, Tati, Vlekkeloos, Hai Bian Sheng Qi Yi Zuo Xuan Ya, Interfon 15 e Birds.

Recoñecemento a Miguel de Lira

O actor Miguel de Lira (Miguel Domingo García) recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2022. Un galardón creado co obxectivo de recoñecer a traxectoria e a labor realizada na industria audiovisual galega das actrices e actores da terra, uníndose a premiados en anteriores edicións como Alfonso Agra, Antonio Durán ‘Morris’, Mabel Rivera, Luis Zahera ou Melania Cruz.

O actor participará nesta 15ª edición do FICBUEU nunha entrevista co xornalista e produtor Gaspar Broullón, co que repasará os momentos máis destacables da súa carreira.