A importancia da balneoterapia para tratar patoloxías respiratorias e dermatolóxicas en nenos e adolescentes será o eixo sobre o cal xiren as xornadas de termalismo pediátrico organizadas no balneario de Caldelas de Tui.

Un grupo de futuros médicos están a coñecer o valor terapéutico das augas mineiromedicinais en relación a estas doenzas.

O doutor Elías Festa Cayuela, director médico do balneario de Caldelas de Tui, explica que as patoloxías de tipo respiratorio máis habituais que adoitan abordarse nos balnearios no caso dos nenos son a rinite alérxica, a asma infantil e a bronquiolite. “Despois do primeiro tratamento termal apréciase unha gran melloría nos pequenos, co que se consegue reducir a súa asistencia continuada aos servizos de urxencias médicas, ao tempo que se facilita o proceso de maduración do seu sistema respiratorio”, asegura. Indica que “os tratamentos termais estimulan de xeito natural tanto o sistema respiratorio como inmunolóxico, evitando o consumo de medicamentos agresivos como son os antibióticos”.

Segundo os datos aportados polo doutor, aproximadamente o 40% dos pacientes que recibe o balneario de Caldelas de Tui son nenos, que poden tratarse a partir dos seis meses de idade.

Os expertos médicos indican que, para que os tratamentos termais sexan eficaces de cara a combater este tipo de patoloxías respiratorias, cómpre unha sesión diaria durante nove días. En cada unha destas sesións empréganse varios tratamentos en función da doenza e das características do paciente. O tipo de augas indicadas para abordar as enfermidades do aparato respiratorio son as sulfuradas e as clorudadas, que se aplican a través dunha serie de técnicas, en particular inhalacións, aerosois e duchas nasais.

En relación aos problemas na pel, lógrase mellorar a calidade de vida dos menores afectados por dermatite atópica ou psoríase. Evítase así o abuso de fármacos con corticoides, con fortes efectos secundarios e pouco recomendables na etapa de crecemento infantil.

Estas xornadas celébranse dentro das actividades da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia. Comezaron onte á tarde cunha charla sobre a importancia da fisioterapia respiratoria, impartida pola fisioterapeuta de Caldelas de Tui, Társila Romero, continuando cunha sesión práctica e cun percorrido polo balneario.

Hoxe sábado os futuros médicos coñecerán os protocolos da consulta médica termal, da man do doutor Elías Festa, e logo realizarán unha práctica de balneoterapia, concluíndo a xornada cunha conferencia sobre as técnicas de terapia termal que se aplican na idade infantil.