O Concello de Salvaterra de Miño acolle esta fin de semana unha das festas máis agardadas de todo o verán na comarca, a LXIII Festa do Viño do Condado do Tea, na que os caldos desta subzona da D.O. Rías Baixas son os protagonistas. A festa comezou onte e continúa hoxe e mañá no recinto amurallado de Salvaterra, un enclave único cun encanto especial.

Unha oportunidade única para coñecer os viños de altísima calidade do Condado do Tea, acompañados de deliciosas propostas gastronómicas con produtos do mar e da terra.

Durante toda a semana xa se celebraron en Salvaterra catas comentadas impartidas polas adegas participantes que lles deron aos participantes a oportunidade de coñecer, dunha forma máis profunda, os viños das adegas locais.

Despois do éxito do ano pasado, este ano volveuse abrir o Túnel do Viño que, aínda hoxe pode visitarse de 11.00 a 14.00 horas, previa reserva, para gozar de todos os viños participantes nesta 63 edición da festa. O Túnel do Viño sitúase no Museo da Ciencia do Viño do Condado e vivir a experiencia de adentrarse nel ten un custo de 15 euros por persoa. Inscricións e reservas no correo electrónico museocienciavino@concellodesalvaterra.org. Máis información no teléfono 617148866.

Os actos da festa hoxe comezarán, ás 10.00 horas, coa Cata á procura dos viños deliciosos do ano, a porta pechada, na Casa do Viño, no recinto amurallado.

Será ás 11.00 horas, cando se abran os postos de viño e de comida. A partir das 13.00 horas está prevista a actuación da Charanga O.T. ata as 18.00 horas, momento no que comezarán a animar as charangas Noroeste e Alambique.

Os concertos da noite serán a cargo de Xisco Feijóo e Lucía Pérez, a partir das 23.00 horas. Estarán enmarcados nas Noites Gastronómicas nas que non faltarán viños D.O. Rías Baixas e produtos da terra e do mar.

A programación comezará mañá, ás 10.30 horas, con desfile de bandas de gaitas e grupos folclóricos. Ás 11.00 horas será a recepción das cofradías e autoridades na praza do Concello para, a continuación, desfilar ata o recinto amurallado.

Ás 11.15 horas será o nomeamento dos novos cofrades da Cofradía do Viño do Condado do Tea e Espumosos e a Declaración dos viños Deliciosos do Ano, no salón de plenos.

O pregón está previsto para as 12.30 horas a cargo de Miguel Carballeda Piñeiro, presidente do Grupo Social ONCE. Ás 13.30 horas será a actuación das charangas Os Jaláticos e Imperiais. Pola tarde, ás 19.30 horas, concerto dos grupos Almudena Lamora e Adrián Pérez e Amnesia. Será unha nova noite gastronómica con viño e produtos da terra e do mar.