A Praza do Reló, a Praza de Avelino Vicente e a Praza de Abastos Municipal son os escenarios escollidos para albergar ata mañá, 28 de agosto, a exposición de Pedras-Cabaleiro-.

Esta exposición ao aire libre recolle unha colección de obras de artesanía escultórica feitas con pedra do país, granito, pegada en ferro, madeira, cartón ou mesmo feltro.

No percorrido sáltase a diferentes épocas da cultura galega, dende os nosos antepasados castrexos, con pezas como son a espiral, os trísceles, a triqueta, e o labirinto, ata a época dos nosos avós e avoas cunhas obras que falan deles a boina, as tramancas, as zocas...etc.

O percorrido remata na praza de abastos con tres pezas feitas en terracota e pintadas a óleo facendo unha homenaxe a gastronomía galega. Xosé Cabaleiro, nado en Redondela (Choqueiro) no outono de 1961.

Autodidacta e adicto ao Arte, taberneiro de profesión ata 1994, cando por unha incapacidade decide adicarse a facer artesanía escultórica. Cursa estudos de pintura e debuxo na escola de Suso Ben (1995/1998 Redondela). Entre os anos 2010 e 2013 cursa estudos de pintura na Escola de Artes e Oficios de Vigo.

Fotografías de Tito Lemos

Tamén, ata o 30 de agosto, pode visitarse na Guarda a Casa dos Alonso para coñecer a Colección Fotográfica Tito Lemos, unha mostra de fotografías da vila da Guarda de distintos fotógrafos e autores.

A súa colección, propia e de outros autores, supera as 5.000 fotografías, a maior parte delas da Guarda e a súa contorna.

A mostra fotográfica pode visitarse en horario de 10.30 a 13.30 horas e de 19.00 a 21.00 horas, de luns a sábado.