Éxito da segunda edición da Xarotos Gran Fondo no Porriño, o pasado domingo, con máis de 200 corredores subindo ao Coto dos Xarotos, despois do paréntese forzada pola pandemia.

A proba ciclista, con saída da casa consistorial, tivo dous trazados alternativos a Xarotos Gran Fondo; de 132 kms e 3.000 metros de desnivel acumulado, ,e a Xarotos Medio Fondo, de 76 kms e 1.400 de desnivel.

A Xarotos Gran Fondo é unha proba ciclista case única en Galicia. Trátase dunha marcha profesional ciclodeportiva na que non hai paradas obrigatorias. Foron os propios corredores os que decidiron os ritmos. A música marcou e motivou o ritmo de ascenso nunha subida tranquila e sen percances, a excepción dun molesto “señor do mazo” que non dubidou en incordiar aos ciclistas.

Dispuxéronse distintos puntos de avituallamento e hidratación, con algún doce especial na última parada. Tamén houbo atención técnica e médica para os corredores participantes.