A parroquia de Vilar, en Mondariz, acollerá o próximo sábado, 20 de agosto, unha orixinal festa gastronómica en movemento, na que os participantes irán percorrendo os distintos barrios detrás de remolques repletos de comida e bebida: Empanadas, tortillas, croquetas, buñuelos de bacalao, xamón, pan de millo, gominolas... A maiores, en cada barrio, servirase un manxar preparado polos veciños: Mexillóns, salpicón, lacón, xoubas, orella e callos.

Para beber haberá viño, cervexa, auga e moito licor café.

A festa comezará ás 20.00 horas na Fonte do Noval e está previsto que o fin de festa sexa no torreiro as 2.00 horas, despois de percorrer todos os barrios de Vilar.

Participar custa 10 euros e a inscrición faise no momento, dando dereito á gran variedade de comida e de bebida que se servirá. Iso si, aqueles que asistan con algún instrumento e o saiban tocar axeitadamente quedarán exentos de pagar. É unha festa da amizade na que se propón unha noite de troula e diversión. Actuará o grup Ronco&Fol e a charanga Siempre de Kachondeo.