A oportunidade de ver en concerto a Beret terémola na Guarda o vindeiro mércores, 17 de agosto, nun concerto que será gratuíto. O artista dará un concerto no porto da vila ás 22.00 horas, forma parte da programación de Concertos do Xacobeo 2022. O artista, que mestura pop urbano e reggae, aínda que evita o uso de etiquetas musicais, cativou as grandes masas co seu tema máis exitoso ata o momento, “Lo siento”.

O single foi certificado cinco veces Platino en España, conseguiu chegar todo o máis alto da lista de radio do noso país e acumula máis de 90 millóns de streams e 300 millóns de visualizacións en Youtube. Beret acumula en total máis de mil millóns de reproducións en plataformas dixitais e o single foi premiado á Mellor Canción do Ano 2019 nos premios Os 40 Music Awards. Ademais, Beret recibiu o Premio Odeón como Mellor Artista Español do ano.

Despois do rotundo éxito conseguido con “Lo siento”, Beret conseguiu manterse na fala da xente grazas a singles como “Me Llama” ou “Te echo de menos” , ata que en 2019 lanzaba o seu altamente anticipado álbum de estudio, Prisma.

O seu álbum alcanzou o segundo lugar na lista de álbums físicos durante a súa primeira semana e mantívose na primeira posición da lista de álbums streaming durante 4 semanas e xa acumula máis de 20 millóns de streams desde o seu lanzamento.

Agora mesmo o artista sevillano atópase gravando o seu próximo álbum, do que xa saíron algúns singles entre os que destaca o seu éxito “Porfa no te vayas” cos colombianos Morat.

Programación

A vindeira fin de semana, do venres 19 e o sábado 20 de agosto, A Guarda acollerá o III Encontro do Libro Luso Galaico na Praza do Reló.

Tamén o vindeiro sábado, A Guarda terá feira de oportunidades outlet organizada por Acigu, na que se poderán encontrar produtos de calidade a prezos moi rebaixados.

O mércores 24 de agosto, o adro da igrexa parroquial acollerá ás 20.30 horas, o concerto Música no Ar. Un enveto organizado pola Deputación de Pontevedra.

O venres 26 de agosto, unha proposta teatral. A obra “Crónicas do Paraíso” na Praza do Reló, ás 21.30 horas.

O Festival de baile moderno “Remember” será, ás 20.00 horas, no auditorio de San Benito, organizado pola Asociación Cultural Xamaraina.

O 28 de agosto será a Carreira Pedestre Virxe da Guía, ás 19.00 horas, e partirá da Praza da Guía.

Subida ao Trega nas Festas do Monte. Alba Villar

Subida ao Trega nas Festas do Monte na Guarda

Fin de semana grande das Festas do Monte que comezaron na Guarda o pasado luns, 8 de agosto, e que se prolongarán ata este luns, 15 de agosto. Están organizadas pola Asociación Veciñal Cultural e Deportiva Alameda e hoxe está previsto o desfile folklórico e das bandas mariñeiras a partir das 11.30 horas. Pola noite, ás 22.30 horas, verbena na alameda coas orquestras Ritmo e Grupo Bahía, con José Costas e a cantante Sabela. Mañá, domingo 14, desde a mañá terá lugar a subida das bandas ao Monte Trega. Ás 21.30 horas dous grupos musicais amenizarán a verbena. Finalmente, o luns 15, será o Día do Neno, e toda a tarde as entradas para as atraccións serán ao 50% do seu prezo. Ás 21.00 horas, actuación de Dansá Centro de Danza no auditorio e ás 00.00 horas terá lugar unha gran tirada de fogos de artificio, no porto guardés, anunciando o final das festas. Esta festa está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.