O certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández acadará o vindeiro domingo, 21 de agosto, a súa décima edición. Un concurso de cabalete, lenzo e pinceis ao aire libre, que nos primeiros anos se celebrou só do lado tomiñés, cruzou o río Miño da man da Eurocidade Cerveira-Tomiño, entidade organizadora na actualidade.

A inscrición, gratuíta e por rigorosa orde de anotación, estará aberta ata o venres 19 de agosto (inclusive), a través dos formularios habilitados na páxina web da Eurocidade Cerveira-Tomino.

As persoas inscritas deberán presentarse o día do certame entre as 9.30 e as 11.30 horas (hora española) na Aula Museo Antonio Fernández, situada a carón da praza de Goián (Tomiño), co obxecto de que a organización sele e numere o soporte das obras.

As persoas participantes poderán crear as súas pinturas nos espazos situados na contorna da parroquia de Goián (Tomiño) e Vila Nova de Cerveira (Portugal), conforme ás zonas indicadas no mapa que se entregará.

Un ano máis, o tema do certame será calquera paisaxe, a que cada participante queira, a escoller do percorrido establecido no plano que recibirán.

O procedemento creativo e a técnica de pintura, porén, serán libres, sempre que a obra se realice in situ, ao aire libre, e inspirada no medio físico natural, non en fotografías, debuxos, etc.

Haberá premios de categoría de adultos, infantil e xuvenil. Categoría adultos (a partir de 18 anos). O 1º premio será de 1.500 euros e haberá dous premios máis de 500 euros.

En categoría infantil (ata 11 anos) entregaranse dous premios: O primeiro de diploma e bono por valor de 50€euros para gastar na Bienal de Cerveira e, o segundo, dun diploma e material de debuxo e pintura por valor de 25€.

Finalmente, en categoría xuvenil (12 a 17 anos) haberá dous premios: O primeiro será un diploma e un bono valorado en 100€euros para gastar na Bienal de Cerveira; e o segundo, diploma e material de debuxo e pintura por valor de 50€euros.

Na categoría adultos o 1º premio será con cargo ao orzamento do Concello de Tomiño; o 2º Premio correrá a cargo da Comunidade de Montes de Goián; e o 3º premio, a cargo da Fundação Bienal de Arte de Cerveira. Nas categorías infantil e xuvenil os primeiros premios correrán a cargo da Fundação Bienal de Arte de Cerveira e os segundos, do Concello de Tomiño.

As bases completas poden consultarse na páxina web da Eurocidade Cerveira-Tomiño.