Esta fin de semana, hoxe e mañá, celébrase a sexta edición do Festival de Jazz de Moaña, un festival que se consolida como unha das mostras de jazz galego e internacional máis importantes da comarca.

Fernando Sánchez.

A de hoxe e a de mañá domingo serán dúas noites de jazz nas que se poderá gozar de dúas grandes propostas musicais á beira do mar de Moaña.

Nesta nova edición apostouse por destacar os traballos de dous dos máis grandes saxofonistas que temos no país.

Hoxe teremos a Pablo Castaño presentando o seu proxecto “A-la-laa” onde ademais do seu cuarteto habitual, acompañarase no escenario da cantora Ugia.l Neste proxecto jazzístico, Pablo Castaño colle os cantos libres da música tradicional galega como os alalás e as coplas. Adaptacións, composicións propias e versións en formato de cuarteto coa colaboración vogal de Ugia Pedreira en dous temas.

Pechará o festival, mañá, unha proposta internacional de Fernando Sánchez, que convidará a tres xóvenes pero grandes músicos do jazz europeo como son Andreu Pitarch na batería, Tommaso Perazzo ao piano e Steven Willem Zwanink no contrabaixo.

Ambos concertos realizaranse un ano máis no Arboredo do Parque da Xunqueira, dando comezo ás 21.30 horas.

Ademáis dos concertos nocturnos mañá os asistentes poderán gozar ás 13.00 horas dunha nova xornada musical neste fermoso parque.

Nesta ocasión será o trío do guitarrista Felipe Villar, que deleitará ao público coa súa música nunha sesión vermú á beira do mar.

O Concello de Moaña propón esta fin de semana fantástica para achegarse a este municipio a vivir en directo o mellor jazz, combinado con xornada de praia e sol nas Rías Baixas.