Non é só para nostálxicos, nin só para quen lle guste caracterizarse coa vestimenta dos anos 60, 70 ou 80. A festa desta noite en Salvaterra de Miño “Imos de Guateque” é para todas as persoas afeccionadas á música de calidade de tempos pasados, de calquera idade, e que teñan ganas de mover o esquelete e pasalo ben recordando un formato de festa que moitos botan de menos.

Será o Gran Guateque de Galicia deste verán e será no privilexiado recinto amurallado de Salvaterra. Un espazo único que dota a este municipio fronteirizo dun escenario inmellorable para gozar ao aire libre do verán nocturno. O Guateque comezará ás 22.00 horas e de pinchar a mellor música de fai medio século encargaranse os Disc Jockeys Edi FM e DJ Ralph.

A diversión seguirá en Salvaterra de Miño despois de esta noite. O Concello ten programación festiva todo este mes, con actividades e eventos practicamente diarios.

As nenas e nenos serán os protagonistas dunha tarde de verán ideada especialmente para eles. Será o mércores, 17 de agosto, e incluirá unha refrescante e divertida festa da escuma e inchables. A partir das 18.00 horas no Parque da Canuda. Todos e todas os que queiran pasalo ben so terán que ir equipados con bañador e toalla. Tamén se recomenda gafas de piscina para protexer os ollos.

A diversión seguirá o xoves, 18 de agosto, co concerto de Pakolas. Será ás 21.30 horas na Praza do Concello. Música e letras en galego para diversión de toda a familia.

O venres 19 de agosto, Salvaterra de Miño será un dos concellos galegos que acollerán un dos espectáculos do programa “Galicia Ilusiona”. Un festival de maxia producido por Pedro Bugarín e Dani Polo no que participan numerosos artistas galegos, nacionais e internacionais. Ata o 15 de outubro Galicia acollerá numerosos espectáculos de ilusionismo. É un programa organizado pola Axencia de Turismo de Galicia e en Salvaterra de Miño escalará Mago Cali, un veterán que leva desenvolvendo a súa carreira máxica en Galicia dende hai anos. Maxia perfecta para todos os públicos, contanto sempre coa participación de cada un dos asistentes.