Moaña acollerá este luns, 15 de agosto, a súa Festa Popular de Bronlle, que comezará cunha ruta en bicicleta de montaña, ás 9.30 horas, polos montes de Meira, duns 30 quilómetros, con saída e chegada en Bronlle.

Outra opción é facer unha andaina polo sendeiro do río Barranco do Faro para comezar a xornada, ás 10.00 horas.

A festa, cos seus postos de artesanía e gastronomía, abrirá ás 11.00 horas. Haberá polbeiro e ovos fritidos con pan de millo.

Ao longo de toda a xornada haberá actividades e actuacións para todos os públicos e tamén un posto de recollida de alimentos non perecedeiros e produtos de limpeza para Cáritas de Meira.

Ás12.30 horas está previsto un obradoiro de zumba para todas as idades. Máis tarde, ás 13.30 horas, comezarán os Cantares de Taberna e será cara as 14.30 horas, cando se celebre o xantar na carballeira.

Pola tarde seguirá a programación coa actuación infantil ás 17.30 horas. PAJARITO “A vida tola”.

As actividades continuarán ás 18.30 horas cun obradoiro de baile con Meiramar-Axóuxeres. Posteriormente, ás 19.30 horas será o concerto de folk Os Melidaos

Igualmente este luns, 15 de agosto, celebrarase en Moaña a Travesía a nado do Fisgón, con saída ás 10.30 horas.

Axenda

“Días de mar” enfila a partir do xoves, 18 agosto, a súa recta final. Ese día está previsto un festival de habaneras cos coros de Moaña no palco de música. O venres 19 estará MÍTIC e o sábado 20 será o concerto Reencontros, organizado pola Banda de Música Airiños do Morrazo.

O culmen a estes 21 “Días de mar”será coa IV Feira do Mel, que se organizará o domingo 21 de agosto nos xardíns do Concello de Moaña coa colaboración da Asociación Galega de Apicultura (AGA). Haberá postos de venda, sorteos, espectáculos infantís, talleres e até un concurso degustación de mel.